Monterrei presenta os seus viños en Madrid

A D.O. Monterrei organiza unha presentación dos seus viños no Casino de Madrid, este luns 15 de xaneiro, nun acto no que a organización agarda a presenza dunhas 180 persoas, entre prensa especializada e socios da instalación.

A presentación incluirá unha exposición das características da denominación e dos seus viños, seguida por unha degustación posterior. Os participantes no acto poderán a continuación degustar viños de todas as adegas embotelladoras de Monterrei, que se acompañarán de explicacións sobre as distintas tipoloxias de viños. 

Este acto é o preludio da nova campaña promocional de Monterrei. “O obxectivo é reforzar a imaxe de marca, promocionar o territorio, establecer novas canles de comercialización e seguir impulsando o consumo de viños de Monterrei, tanto no sector da distribución como da restauración e consumidor final”, salienta a a presidenta da DO Monterrei, Lara da Silva.

Monterrei é unha das cinco DO vinícolas galegas. Confórmana 26 adegas do val de Monterrei, que abarca os concellos de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oimbra e Castrelo do Val. Os viñedos da denominación ocupan 566 hectáreas de territorio, nas que traballan 426 viticultores.