Lugo cambia

O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, presentou en FITUR os novos traballos audiovisuais da campaña de promoción turística do conxunto da provincia, que leva por nome Lugo Cambia. Son as primeiras iniciativas que o Goberno Provincial ten preparadas para este ano, compostas por 7 vídeos en galego, castelán, inglés, alemán, francés, italiano e portugués sobre os recursos turísticos dos 67 Concellos, nos que o coñecido presentador lucense Martín Barreiro convidou a visitar a provincia, dando conta dos sentimentos que produce facelo e destacando que “unha viaxe á nosa provincia vos cambiará para sempre”.

Campos Conde presentou os vídeos promocionais Os sentimentos dunha viaxe xunto a Martín Barreiro, embaixador da campaña Lugo Cambia, e dos Alcaldes dos principais Concellos da provincia polo seu número de habitantes: Lugo (Lara Méndez), Viveiro (María Loureiro) e Monforte de Lemos (José Tomé Roca). Tamén estivo na presentación, o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde.

Estes novos spots, que se atopan en www.deputacionlugo.gal, nun apartado específico sobre turismo, difundiranse a nivel internacional en reputadas plataformas para dar a coñecer os recursos patrimoniais, naturais, culturais ou gastronómicos que se poden atopar nos 67 Concellos co obxectivo de atraer á provincia máis visitantes. En primeiro lugar, farase en medios de Galicia, España e Portugal, posto que son as zonas inmediatas de captación de turistas.

Dario Conde destacou que “Lugo é unha provincia única que cambia de recuncho a recuncho e que parece acoller varios mundos, pois nela podemos gozar de máis de 100 quilómetros de costa, con praias catalogadas como xoias mundiais, ou 800 quilómetros de rutas de peregrinación; Lugo posúe o maior espazo natural de Galicia: Os Ancares e O Courel. O 50% do seu territorio está recoñecido pola UNESCO como Reserva da Biosfera; son Patrimonio da Humanidade a Muralla de Lugo, as Catedrais de Lugo e Mondoñedo, e os Camiños Norte e Primitivo; conservamos unha das maiores concentracións de románico de toda Europa, que se estende pola idílica Ribeira Sacra”.