Avanza o expediente do BIC da Ribeira Sacra

O pasado 21 de decembro de 2017 a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural incoou como BIC, coa categoría de "Paisaxe cultural", á Ribeira Sacra, como paso previo para o recoñecemento do valor cultural sobranceiro deste territorio, con características culturais materiais e inmateriais singulares, obras combinadas da natureza e o ser humano.

Ábrese agora un período de información pública durante o prazo de tres meses, e que poderá ser feita tamén nos concellos afectados pola declaración, no que a Deputación de Ourense pon a disposición dos interesados a información referida a este tema, incluíndo a relación das 167 entidades de poboación: parroquias e concellos, enmarcadas dentro do BIC e da área de estudo. Asemade, figura na información o plano da base da área de estudo; os planos da zona de amortecemento (17 planos); os planos de delimitación do BIC (125), e os planos de exoámbitos (26), ademais de datos sobre a superficie xeográfica total que abrangue o BIC e os quilómetros do perímetro delimitado.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen reactivou a candidatura para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial pola Unesco, afirma que este é "un paso máis cara ao ilusionante logro de acadar este recoñecemento internacional para un dos territorios naturais máis singulares e co patrimonio histórico-artístico dos máis importantes de Europa". Manuel Baltar iniciou en 2013 os contactos a nivel local, interprovincial, autonómico e co Goberno do Estado para impulsar este proxecto, que ao longo destes anos desenvolveu os seus capítulos nos ámbitos institucionais, científicos, culturais, turísticos e patrimoniais, "unha distinción que lle dará ao territorio da Ribeira Sacra o gran pulo turístico, económico e social que merece pola importantísima riqueza histórica desta contorna das provincias de Ourense e Lugo".