Aberto o prazo de solicitudes para Pontegal 2018

O prazo para que os grupos e artistas poidan solicitar a súa inclusión no Pontegal 2018 permanecerá aberto ata o vindeiro 1 de febreiro. As bases de dito programa xa están publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e inclúen o formulario de solicitude que debe presentarse debidamente cumprimentado e coa documentación anexa pertinente en cada caso.

Pontegal é o programa mediante o cal a Deputación de Pontevedra colabora cos concellos e coas asociacións sen ánimo de lucro para que contraten actuacións de grupos e artistas inscritos en dito programa. Cada ano ábrese un prazo que abrangue desde principios de xaneiro e ata o 1 de febreiro para que os grupos e artistas poidan solicitar a inscrición, nun amplo abano de disciplinas que inclúe bandas de música, masas corais, grupos folclóricos, grupos de gaitas, agrupacións de música tradicional, compañías de teatro profesional ou afeccionado, conferenciantes, entre outros, co fin de contribuír a difundir e promover a música, o folclore, o teatro, a danza, o audiovisual e as demais manifestacións artísticas. 

Este programa é un dos máis solicitados por parte de concellos e asociacións para levar a cabo e/ou complementar as súas propostas culturais. Concretamente, no Pontegal do ano pasado inscribíranse un total de 1.436 grupos e artistas –hai que lembrar que se incrementaran categorías, implementando as de teatro profesional e a de conferenciantes–, e as actuacións concedidas ascenderan a 3.311.

A principal novidade na convocatoria deste ano atópase nos criterios de adxudicación das actuacións a concellos e asociacións. Así, as máximas puntuacións corresponden a actuacións encamiñadas á dinamización da lingua galega, con ata 30 puntos, e as incluídas en programas de carácter social, isto é, que aposten pola igualdade de xénero, tamén con ata 30 puntos. Os outros criterios que tamén se terán en conta serán o interese supramunicipal, a duración da actividade e o público destinatario.

Estes criterios tamén teñen correspondencia co importe máximo que se establece na adxudicación das actividades, tendo en conta tres tramos: as actividades englobadas en programas de dinamización do galego poderán solicitar ata 1.600 euros por actividade; as actividades englobadas en programas de fomento da igualdade entre homes e mulleres e en eventos de carácter social con colectivos en risco de exclusión poderán solicitar ata 1.500 euros por actividade; mentres que o resto de actividades terán ata 1.200 euros por actividade.

f_ depo.gal