A Deputación da Coruña empurra ao sector turístico da provincia

Apoio ás entidades do sector e contratación de persoal técnico de oficinas de información turística nos concellos son os obxectivos das dúas liñas de axuda que convoca a área de Turismo da Deputación da Coruña. Con estas dúas liñas continúa coa súa aposta pola dinamización e profesionalización do sector turístico da provincia contribuíndo á mellora da calidade das actividades e eventos do sector.

Por unha parte, a área de Turismo dota cun orzamento de 750.000 euros do novo programa de subvencións destinado aos entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos que teñan previsto organizar eventos e actividades turísticas durante o ano 2018. A convocatoria coas bases saía publicada o pasado día 5 de xaneiro no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e o seu obxectivo é promover a mellora da calidade e a competitividade das actividades turísticas que se desenvolven nos municipios coruñeses asumindo ata o 80% dos gastos derivados da súa realización. 
Deste xeito, as entidades que presenten os seus proxectos ao procedemento en concorrencia competitiva que vén de publicar a institución, poderán acceder a unha axuda máxima de 120.000 euros cos que sufragar os custes xerais vencellados á organización, publicidade e realización dos eventos.

A Deputación valorará positivamente aqueles proxectos que leven emparellado un incremento da calidade turística, así como as iniciativas que incidan dun xeito directo na profesionalización do sector.

O novo programa de axudas engádese o aprobado o pasado mes de decembro polo Servizo de Promoción Económica, Turismo e Emprego da Deputación da Coruña, e que, dotado cun orzamento de 800.000 euros, ten por obxecto apoiar á contratación de persoal técnico para as oficinas de Turismo dos concellos que conten cunha poboación inferior aos 50.000 habitantes.

Respecto desta liña de subvención, os concellos e agrupacións de concellos que queiran participar no programa, teñen ata o día 19 de xaneiro para presentar as súas solicitudes e así acceder a unha achega económica de entre 10.000 e 20.000 euros cos que financiar as retribucións dos técnicos e persoal da área de Turismo.