Buscar/Hemeroteca

miércoles, 3 de enero de 2018

12 millóns de euros para o Plan Estratéxico "Turismo 2020 Pontevedra"

O Plan Estratéxico de Turismo "Turismo 2020 Pontevedra", cuxas liñas de actuación foron expostas publicamente o pasado 19 de decembro no Pazo provincial, ven de ser aprobada pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra.

Este novidoso plan, desenvolvido a partir das demandas do sector turístico provincial, conta con 400 páxinas nas que se detallan as cinco liñas estratéxicas sobre as que se desenvolverán 11 plans de actuación específicos con 40 accións diferenciadas que se porán en marcha nos vindeiros tres anos.

O Plan Estratéxico de Turismo recolle o compromiso do Goberno da Deputación por converter ao turismo, sector tractor de Pontevedra, no motor de desenvolvemento social, económico, cultural e ambiental da provincia. Para acadalo, conta cun orzamento de 12 millóns de euros distribuído entre 2018 e 2020 para o desenvolvemento de accións centradas en cinco eixos centrais de actuación: a gobernanza, a estruturación da oferta, a excelencia no destino, a promoción efectiva e a comercialización, que definirán a estratexia de Turismo Rías Baixas nos vindeiros tres anos. Deste xeito, e a través destes cinco eixos de actuación, preténdense converter aos recursos, produtos e talento da provincia nos tres piares sobre os que actuar e construír un modelo de turismo sostible, excelente e innovador.

Elaborado pola firma Valora Consultores de Gestión, é o documento marco que guiará a política turística a partir do 1 de xaneiro de 2018, baixo criterios de rigor, planificación e obxectivos medibles coa finalidade de converter á provincia nun destino de excelencia e sostible. Para elaboralo, o plan parte da análise da realidade turística da provincia de Pontevedra, a través de enquisas e mesas sectoriais co sector turístico, e recolle as accións necesarias para dar respostas aos retos marcados.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra tamén aprobou a concesión de preto de 150.000 euros, (149.987,77 euros) en subvencións a 33 entidades, asociacións e clubs para actividades turísticas desenvolvidas ao longo deste 2017. As axudas contemplaron desde accións formativas do propio sector turístico, feiras e exposicións, festivais e promocións de produtos e festas e, entre moitas outras, contribuíron a organización de xornadas sobre a zamburiña en Cambados, a exposicións sobre a Rapa das Bestas de Sabucedo, a Concentración Moto-turística de Sanxenxo, a Festa da Cereixa de Beade, o Petisquiño ou as Xornadas de Astroturismo de Pontevedra.

f_ depo.es

No hay comentarios: