Tecnoloxía LED para a Torre de Hércules

A renovación do sistema de alumeado ornamental da Torre busca ampliar as posibilidades de iluminación mediante a implantación de novas tecnoloxías destinadas a dotar ao monumento e mellorar a súa eficiencia enerxética, así como o rendemento das tarefas de conservación e mantemento e adecuar a instalación a regulamento vixente. 

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, avanzou o proxecto, que xa está redactado e pendente de avaliación por parte da dirección xeral de Patrimonio, durante a súa intervención na xornada técnica do Comité Español de Iluminación 'Hacia la excelencia luminotécnica en la sociedad del mañana'. A proposta, que terá un custo estimado de 160.000 euros, prevé a implantación de tenoloxía LED para o alumeado ornamental, que como sinalou Varela ten un baixo consumo e unha vida útil longa, ademais de permitir reducir as emisións de CO2. Ademais, o sistema abre múltiples posibilidades de programación mediante un software de xestión, capaz de xerar escenas dinámicas de iluminación ornamental, combinación de secuencias de cor ou creación de ambientes personalizados.

Varela incide na aposta pola mellora da eficiencia enerxética, "reflectida en proxectos como os incluídos no paquete de investimentos sostibles que o goberno municipal logrou sacar adiante, aínda que con recortes da oposición, o pasado mes de novembro, e que inclúe más de 2.6 millóns de euros en accións de mellora do alumeado e a eficiencia enerxética no ámbito entre os Rosais, Rolda de Outeiro, Manuel Murguía e avenida de Labañou, Parque Europa, Agrela-Bens, Matogrande e o Iglesario da Grela, ademais da mellora dos sistemas de telexestión e de protección de última xeración en centros de mando de iluminación pública.

A proposta contempla doce proxectores con tecnoloxía LED/ RGBW con programación por Ethernet de última xeración, en substitución dos proxectores Bega existentes na actualidade, que son manuais. Instalaranse catro unidades deste modelo de proxector en cada unha das fachadas leste, oeste e sur da Torre, mantendo a situación dos existentes na actualidade con obxecto de non ter que realizar ningún tipo de obra de consideración na plataforma do monumento. 

O proxecto prevé a iluminación das fachadas leste, oeste e sur da Torre, quedando a norte sen iluminar por razóns de seguridade marítima. Ademais, contempla un sistema de protección contra raios e sobretensións, debido á incidencia das tormentas eléctricas na Torre, así como a instalación dos sistema de comunicación. Como salienta, as actuacións proxectadas realizaranse sobre as instalacións existentes, "de xeito que a súa instalación non afectará á arquitectura do monumento".