Primeiro Congreso de Mercados Urbanos Sostibles

I Congreso de Mercados Urbanos Sostibles, é unha proposta impulsada polo goberno local da Coruña coa finalidade de coñecer, compartir e debater arredor dos distintos modelos de xestión de prazas de abastos existentes en Galicia, así como no resto do Estado ou Portugal.

O concelleiro de Emprego e Economía Social, e responsable da área de Turismo, Alberto Lema, presentou esta iniciativa, que se celebrará os días 14 e 15 deste mes no mercado de San Agustín,  e quere abordar a situación destes recursos "nun momento de transformación e de cambio, no que entendemos que é preciso introducir modificacións tanto na xestión, como orientación ou na propia morfoloxía dos mercados para adaptalos aos novos hábitos e demandas de consumo, pero sen que perdan a súa esencia", explicou Lema.

A través de mesas redondas, debatiráse a situación actual das prazas desde o punto de vista dos responsables políticos e técnicos, así como das asociacións de praceiras e praceiros, ou desde unha perspectiva gastronómica e turística. "A idea é analizar, desde os diversos sectores implicados, as oportunidades a futuro dos propios mercados e coñecer outros modelos posibles de xestión dos mesmos, de cara á creación de novos consumidores e de mellora de competitividade das prazas", aseverou o concelleiro. 

O Congreso, cuxa inscrición está aberta a través da web www.mercadosurbanosacoruna.com, tamén porá de manifesto aquelas conexións entre as prazas de abastos e o sector turístico, "desde un punto de vista sustentable". "Os mercados estanse a converter nun importante recurso turístico, como é o caso na nosa cidade, por exemplo, de San Agustín ou da Praza de Lugo", expuxo o edil. "Á hora de estudar outros modelos de mercados en transformación, pensamos que é relevante coñecer tamén aquelas experiencias polas cales as prazas pasan a ser lugares de experiencia turística, en concreto, naquelas nas que hai convivencia entre o uso de abastos de alimentación, e de uso hosteleiro, no que entra o factor turístico", incidiu Lema.