Novo Consello de Administración Meisa

Nas reunións celebradas na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda do Consello de Administración e da Xunta Xeral de Accionistas de Meisa (Manzaneda Estación de Inverno S.A.) tratouse o nomeamento de novos conselleiros, quedando configurado o novo Consello de Administración con catro representantes por parte da Xunta de Galicia (Axencia de Turismo de Galicia) e catro da Deputación provincial de Ourense, determinando que a Xunta cede un dos seus representantes ao concello de Pobra de Trives e a Deputación de Ourense, un dos seus ao Concello de Manzaneda.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou a importancia de seguir traballando conxuntamente entre as administracións local, provincial e autonómica "na liña de potenciar aínda máis esta infraestrutura de turismo e ocio, tanto na tempada de inverno como no resto do ano".

Así, Nava Castro, directora da Axencia de Turismo de Galicia, foi elixida novamente presidenta do Consello de Administración, e por parte da Xunta incorpórase María Elena Barca Ramos, xerente da Axencia de Turismo de Galicia, e continúa Manuel Vidal, da Consellería de Facenda. Por parte da Deputación de Ourense continúan o seu presidente, Manuel Baltar, e a interventora xeral, Mónica Legaspi, e incorpórase Pablo Pérez, deputado provincial de Cooperación. Asemade, prodúcese a substitución na Secretaría do Consello de Administración, que nesta nova etapa estará ao cargo da técnico-xurídica da Deputación de Ourense María Ángeles Cantón Álvarez.