Buscar/Hemeroteca

martes, 5 de diciembre de 2017

"In tempore sueborum" os suevos na Gallaecia no Centro "Marcos Valcárcel"

O vindeiro 15 de decembro se inaugurará en Ourense, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", a exposición máis importante de Europa sobre o reino suevo, In tempore sueborum, que pretende cubrir un oco sobre un dos chamados "pobos bárbaros" que na noite do 31 de decembro do ano 406 cruzaron a fronteira romana (o limes renano-danubiano) comezando un percorrido que os levaría a asentarse en diferentes provincias do Imperio Romano Occidental.

A mostra introdúcenos nos tempo dos suevos na Gallaecia (411-585), o primeiro reino medieval de occidente, situado en Ourense, "reunindo a colección máis destacada que se ten realizado, cun total de 262 pezas procedentes de 39 museos de 10 países.

Para o catálogo participaron 60 investigadores, o que a converte no feito cultural máis relevante da provincia de Ourense", afirmou Manuel Baltar no acto de presentación, destacou "a importancia internacional da mostra, que contribúe a reforzar a nosa identidade", estivo acompañado polo comisario da mesma, o profesor Jorge López Quiroga, e o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, con quen asinou un convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia no ámbito desta exposición, que conta tamén coa colaboración do Concello de Ourense e do Bispado de Ourense e que se exhibirá no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", no Museo Municipal de Ourense e na Igrexa de Santa María Nai do 15 de decembro ao 4 de marzo de 2018.

É a primeira vez en Europa que se reúne un número tan significativo de obxectos dos suevos: xoias, moedas, arte funerario e enseres cotiás, que veremos xuntos e no seu contexto", destacou López Quiroga, engadindo, asemade, que é a primeira vez en Europa que se exporán xuntas tantas pezas vinculadas aos suevos, procedentes dos seus lugares de orixe (Hungría, Eslovaquia, Chequia, Austria e Alemaña) e do territorio no que crearon o primeiro reino medieval de occidente (Galicia e Norte de Portugal).

No hay comentarios: