In tempore sueborum, en Ourense

A gran exposición do mundo suevo, In tempore sueborum, que organiza a Deputación de Ourense, ultima estes días a súa montaxe. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou a Igrexa de Santa María Nai, unha das tres sedes da mostra, que se está a acondicionar como espazo expositivo para acoller pezas de incalculable valor histórico-artístico sobre a cristianización e a Gallaecia sueva, e que inclúe elementos de sarcófagos, xoias relixiosas, figuras arquitectónicas e obxectos de ouro, prata, outros metais e cerámica, procedentes de máis de dez museos.

A exposición, que será inaugurada o vindeiro venres, 15 de decembro, "marcará un fito cultural na historia da provincia de Ourense, como acreditan a calidade das pezas que se exporán, procedentes dos museos máis prestixiosos de Europa", afirmou Manuel Baltar na visita realizada hoxe para supervisar a montaxe da mostra no espazo expositivo do Centro Cultural "Marcos Valcárcel" e na Igrexa de Santa María Nai.

Este recinto acolle pezas como o Crismón de Quirogaun, anelo signatario con siluetas de peixes en negativo, procedente de Lugo; outro anelo con crismón das termas da rúa Padre Blanco de Astorga e tamén un capitel de Amiadoso, Allariz, procedente do Museo Arqueolóxico Provincial ou un fragmento de sarcófago estrixilado, procedente de Marialba, León. Asemade, a mostra exhibirá un vaso litúrxico de Bobadela, Oporto, e unha patena pintada con cruz, en cerámica, porcedente da Eirexa Vella de O Portiño, San Pedro de Visma, A Coruña, dos séculos IV-VI. Na parte da exposición que acolle Santa María Nai tamén se fai referencia á importante labor cristianizadora levada a cabo por Martiño de Dumio.

In tempore sueborum achega a Ourense un tesouro suevo do século V procedente de 13 museos de Europa. Inaugurarase o vindeiro 15 de decembro na capital ourensá, organizada pola Deputación de Ourense, no que se converterá no evento cultural máis importante da provincia. Compoñen a mostra 250 elementos de alto valor histórico e artístico, entre os que destacan xoias e pezas ornamentais dunha princesa sueva, e diversos utensilios e figuras artísticas en ouro, prata, bronce, vidro, madeira e ámbar, así como material funerario.