Comezan as obras de rehabilitación de estaleiro da Banda do Río en Bueu

O Estaleiro da Banda do Río, tamén coñecido como de Purro, arrancou as obras de rehabilitación esta semana. Alí se deron cita a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, que acmpañou ao alcalde da vila, Félix Juncal.

A restauración do Estaleiro da Banda do Río é un dos proxectos punteiros do goberno local, xa que se trata do único estaleiro da ría de Pontevedra que conserva unha carpintería de ribeira, unha característica da idiosincrasia dun pobo mariñeiro. 

O proxecto de rehabilitación desta primeira fase foi adxudicado á empresa Coviastec por un importe de 209.012,00 € IVE incluído. Nestas obras está prevista a consolidación estrutural, ademais da substitución de todos os elementos de cubertas e a execución dun peche perimetral de vidro e madeira que permita a visión dende o espazo urbano da estrutura do estaleiro. Así o destacou o alcalde durante a visita, onde lembrou que despois dun longo proceso, por fin “este proxecto tan importante para Bueu comeza a facerse realidade”.

Juncal explicou que a primeira fase se rematará a comezos da primavera e que se complementará cunha segunda, que vai con cargo ás axudas do Grupo de Acción Local da Ría de Pontevedra (GALP), e que incluirán o acondicionamento do lugar con contidos expositivos, museísticos, unha pasarela de madeira interior, iluminación e videovoxilancia. A idea é, pois, que no interior se manteñan unha exposición de embarcacións tradicionais, e que exista un espazo para a realización de actividades divulgativas. 

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa satisfacción pola posta en marcha e boa acollida do Plan Concellos, que fai que os gobernos locais da provincia destinen aos recursos aos proxectos máis idóneos e demandados pola cidadanía. 

Con esta restauración, o estaleiro recuperará o seu valor histórico e cultural, e complementarase co Museo Massó, institución que apoiou dende o inicio este proxecto. A directora do Museo lembrou que o estaleiro é xa un elemento histórico, pois “no Museo Massó atopamos unha fotografía de comezos do século XX onde xa se mostra que nesa época existía unha carpintería de ribeira neste mesmo emprazamento”. 

Por último, hai que destacar que o Concello xa dispón dunha páxina web específica sobre o estaleiro (www.estaleirodepurro.gal), con información sobre o proxecto e o concurso de ideas, cunha breve referencia á carpintaría de ribeira e ás embarcacións tradicionais que tanta relación teñen con el.