Cociñando coas avoas na Praza de Abastos de Santiago

A Aula de Formación da Praza de Abastos está a celebrar uns obradoiros "Cociñando coas avoas", nos que tres cociñeiras profesionais xa retiradas amosarán aos máis novos e novas a preparar receitas tradicionais dun xeito doado. As dúas sesións, enmarcadas na programación municipal de Nadal, realizaranse de 18:00 a 21:00 horas.

A concelleira de Mercados Noa Morales presentou os obradoiros "Cociñando coas avoas" acompañada de Victoria Bar, Carmen Cabanas e Sara García, tres cociñeiras xa retiradas "cunha ampla experiencia na cociña vinculada á hostalaría". "A idea é que xente nova se achegue á cociña tradicional e para iso contamos con tres mulleres que cada día cociñarán tres pratos", explicou.

Todos os ingredientes para cociñar estes pratos procederán da Praza de Abastos. "Queremos que elas transmitan receitas de sempre á xente máis nova e, por outra banda, mostrar á mocidade unha maneira diferente de mercar apostando polas tendas pequenas e de produto local, de proximidade e de tempada", indicou Noa Morales.

En cada unha das xornadas participarán 14 persoas, que esgotaron as prazas dispoñibles. Os/as aprendices de cociña terán a oportunidade de probar os pratos ao final do obradoiro.

No taller de onte cociñouse empanada de atún, arroz con luras e de sobremesa torradas, mentres que no de hoxe, os pratos serán carne guisada, fabada e chulas.