Campaña de recollida de residuos orgánicos e inorgánicos da hostalería coruñesa

Ata o vindeiro 8 de xaneiro -e con excepción do día 25 de decembro e o 1 de xaneiro- haberá servizos especiais que inclúen a recollida de residuos orgánicos e inorgánicos da hostalería coruñesa nas zonas de maior concentración de locais, como é o centro da cidade, e un refozo na recollida do papel e cartón do comercio que abrangue a zona centro, San Andrés e Juan Flórez, a zona dos Mallos e Ángel Senra, a rúa Barcelona, e a contorna de Catro Camiños e A Gaiteira. 

Como fai notar a concelleira de Medio Ambiente, María García, con esta inciativa, o goberno local "dá continuidade ás políticas para a mellora da xestión de residuos que impulsou desde a súa chegada a María Pita, de cara a mellorar as taxas de recuperación e, tamén, da calidade do espazo público". Segundo indica, o traballo co comercio e a hostalería resulta "especialmente relevante, en tanto a que son, xunto cos polígonos, os grandes produtores de residuos, e xeradores do 30% dos que se producen nunha cidade". "De aí a importancia de mellorar a xestión desta porcentaxe, porque posibilita un incremento substancial da recuperación de materiais de refugallo", incide.

No caso do dispositivo da zona de maior concentración hostaleira da zona centro, as medidas supoñen duplicar a recollida e tamén a contenerización, dado o incremento da actividade do sector polo período festivo, no ámbito comprendido entre Juana de Vega e a rúa Troncoso. Dese xeito, á recollida diaria nocturna do lixo orgánico e inorgánico sumase unha segunda quenda, que se recolle entre as 15.00 e as 17.00 horas tamén a diario, que se realiza mediante un reforzo de contedores portátiles, que se retiran cada xornada a partir das 17.00 horas. A esta medida súmase a campaña de recollida selectiva de vidro porta a porta, que terá lugar os luns, mércores, venres e domingos, agás nos festivos, de 10.00 a 14.00 horas.

En canto á recollida de papel e cartón procedente do comercio porta a porta, a medida supón duplicar o servizo, que pasa a ser diario nas principais zonas comerciais -o horario ordinario contempla a recollida en días alternos- para dar cobertura ao aumento do material de embalaxe que os negocios xestionan nestas datas. O reforzo realizarase, como xa ocorre co servizo habitual, en horario de mañá e non estará operativo domingos e festivos.

Como pon de relevo a responsable de Medio Ambiente, estes operativos especiais consolidan as accións de reforzo que se iniciaron xa no ano 2015, e que abranguen, tanto o período de Nadal como o verán.

f_ coruna.gal