Belén Viveiro ante o Berce, ata o 14 de xaneiro

Ata o 14 de xaneiro poderá visitarse Belén Viveiro ante o Berce. Trátase dun dos beléns xigantes máis importantes de Galicia e de España, que estará situado no atrio da Igrexa de Santa María, unha coidada recreación a tamaño natural do artista Jesús Atadell está composta por 90 pezas (50 figuras a tamaño natural e 40 animais), e representacións propias do belén como o Nacemento ou os Reis Magos. 

O Goberno da Deputación colabora co Concello de Viveiro cunha achega económica de 35.000 euros para a celebración de distintas actividades culturais durante todo o ano, co obxectivo de dinamizar económica e turísticamente este municipio da Mariña.

A Deputada de Economía e Facenda, García Bermúdez destacou que “este Belén a tamaño natural é o máis espectacular de Galicia, cun “Nacemento” que sorprende por si mesmo polas diferentes escenas que o compoñen e por estar situado nunha contorna excepcional como é o casco histórico de Viveiro, ao carón da Igrexa de Santa María. Nel recréase con todo luxo de detalles o nacemento de Xesús e conta, como novidade, con representacións como a recepción de Herodes, animais e muíños, así como un mercado de oficios tradicionais, tales como os de ferreiro, pescador ou canteiro, propias da súa contorna.”

A Rexedora, María Loureiro García, agradeceu a colaboración da Deputación e da Asociación Amigos do Casco Vello de Viveiro e remarcou que “dende o Concello retomamos a organización desta actividade fai 3 anos, pois constatamos como cada ano incrementan o número de turistas que visitan Viveiro para ver este Belén, considerado como un dos referentes do Nadal en toda Galicia. Para nós é un autentico símbolo das festas de Nadal que se converteu nun elemento turístico imprescindible co que atraer novos visitantes a toda a Comarca da Mariña”.