Balance das actuacións na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses

No transcurso das reunións do órgano de participación da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, fíxose balance das actuacións levadas cabo polo Goberno da provincia de Lugo neste territorio recoñecido pola UNESCO durante esta anualidade. 

O organismo provincial, como xestor deste espazo, ten a responsabilidade de promocionalo e de impulsar o seu aproveitamento sostible, favorecendo a relación dos cidadáns co este entorno, que ten unha extensión superior ás 53.000 hectáreas, que discorren por 3 Concellos.

Elaborouse un proxecto piloto para a mellora da capacidade produtiva dos soutos de Castiñeiro nas Serras Orientais de Galicia, dentro da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. Isto implicará o estudo e análise das propiedades dos soutos pertencentes aos 3 Concellos da Reserva, coñecer as diferentes variedades e tipoloxías deles, así como o potencial produtivo da zona e os diversos métodos de tratamento para obter unha mellor calidade no produto final, e deste xeito os agricultores acadarán un maior rendemento económico. Porase en marcha no 2018.

Tamén se realizou o proxecto de sinalización do patrimonio histórico e cultural da Reserva. Conleva a posta en valor dos recursos patrimoniais dos municipios dos Ancares, aumentando a súa visibilidade e difusión. Efectuarase seguindo o manual de sinaléctica da Rede Española de Reservas da Biosfera e completarase coa realización de material divulgativo. Implica, a maiores, traballos de desbroce e recuperación de novas rutas de sendeirismo de toda a Reserva. Feito o proxecto, porase en marcha no 2018 unha vez concedidos os permisos legais imprescindibles de Xunta e Goberno Central.

Pechouse co director de cine Oliver Laxe a rodaxe dun vídeo promocional da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses para promocionala e impulsala turísticamente, así como amosar as oportunidades económicas que ofrece o entorno da montaña lucense.

Desenvolveuse unha variada programación gratuíta para persoas de todas as idades coas que se deu a coñecer a riqueza natural da zona e as posibilidades económicas da mesma. Por exemplo, leváronse a cabo obradoiros, roteiros, xornadas sobre árbores froiteiras, apicultura, micoloxía, para nenos e estudantes universitarios, encontros de artesanía. Reforzaron os proxectos medioambientais nos colexios da Montaña ou a formación e o asesoramento gratuíto a emprendedores con iniciativas sostibles para pór en marcha os seus propios negocios na Reserva. Máis de 300 persoas participaron nestas iniciativas.

Debido aos incendios forestais acontecidos no pasado mes de outubro e que afectaron a máis dun milleiro de hectáreas de toda a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, os representantes dos órganos de participación acordaron demandar á Xunta, como administración coas competencias, medidas concretas para mellorar e paliar as condicións en que quedou o territorio. Por exemplo, crear un banco de sementes autóctonas que permita actuar de forma máis áxil, fomentar a planificación e xestión forestal do territorio, a concesión de compensacións ou indemnizacións aos agricultores, gandeiros e propietarios da zona, entre outras.