Avances na construcción da Vía Verde entre Compostela e Cerceda.

Aprobouse por unanimidade de todos os grupos políticos, o convenio para a redacción do proxecto de construción da Vía Verde, un itinerario de sendeirismo e cicloturismo de 36,5 quilómetros sobre a antiga vía do ferrocarril que unirá Compostela e Cerceda.

A Deputación da Coruña compromete un investimento de 32.000 euros, o 80% do custe total da elaboración deste proxecto; mentres que os concellos de Santiago, Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda achegarán 8.000 €, o 20% restante.

Tras varias reunións na Deputación, os concellos polos que decorrerá esta Vía Verde xa asinaron este verán un protocolo conxunto para a transformación da antiga vía férrea na primeira vía verde de Galicia en lonxitude. Nel, solicitaron a ADIF a cesión dos treitos afectados e mostraron a súa disposición a asumir a xestión, promoción e mantemento da infraestrutura.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou a "importante repercusión turística e socioeconómica que terá para os cinco concellos a construción da Vía Verde", que servirá ademais como "elemento de vertebración do territorio, facilitando a conexión entre os núcleos rurais polos que discorre".

A vía Verde terá unha lonxitude total de 36,5 quilómetros, dos que 10,18 corresponden a Santiago de Compostela, 7,15 a Oroso, 8,55 a Ordes, 2,46 a Tordoia e 8,16 a Cerceda.