A Deputación de Pontevedra pon en marcha o Plan Estratéxico de Turismo

A Deputación de Pontevedra deu a coñecer os principais obxectivos e liñas de actuación que conforman o Plan Estratéxico de Turismo "Turismo 2020 Pontevedra". En liñas xerais, este plan, desenvolvido a partir das demandas do sector turístico provincial, conta con 400 páxinas nas que se detallan as cinco liñas estratéxicas sobre as que se desenvolverán 11 plans de actuación específicos con 40 accións diferenciadas que se porán en marcha nos vindeiros tres anos.Trátase, en palabras da presidenta provincial Carmela Silva, "do documento marco que guiará a política turística a partir do 1 de xaneiro de 2018, baixo criterios de rigor, planificación e obxectivos medibles coa finalidade de converter á provincia nun destino de excelencia e sostible". Para elaboralo, o plan parte da análise da realidade turística da provincia de Pontevedra, a través de enquisas e mesas sectoriais, e recolle as accións necesarias para dar respostas aos retos marcados.

O Plan Estratéxico de Turismo conta cun orzamento de 12 millóns de euros distribuído entre 2018 e 2020 para o desenvolvemento de accións centradas en cinco eixos centrais de actuación: a gobernanza, a estruturación da oferta, a excelencia no destino, a promoción efectiva e a comercialización, que definirán a estratexia de Turismo Rías Baixas nos vindeiros tres anos. 

Deste xeito, e a través destes cinco eixos de actuación, preténdense "converter aos recursos, produtos e talento da provincia nos tres piares sobre os que actuar e construír un modelo de turismo sostible, excelente e innovador", tal e como indicou a presidenta provincial.

Dentro das liñas estratéxicas do plan, Carmela Silva fixo fincapé na xestión e gobernanza provincial do modelo turístico a través da cal, entre outras cuestións, porase en marcha unha "Mesa provincial de Turismo" que terá unha función propositiva e tamén de observación e seguimento da execución do plan. 

Tamén detallou a presidenta provincial a necesidade de facer esforzos de comunicación e promoción, nacional e internacional, contemplados no plan, "xa que a provincia non é suficientemente coñecida e menos o interior, un interior único que ofrece oportunidades para completar a oferta". Máis polo miúdo, Silva informou que "imos dar un salto cualitativo na comunicación online e crear produtos e experiencias turísticas diferenciadoras apreciadas por visitantes e turistas, unha oferta turística adaptada ás demandas do século XXI, con novas experiencias que fomenten a desestacionalización e a complementariedade".