318.952,90 euros para recuperar as ruínas de Villa Solita

Para a recuperación e posta en valor das ruínas de Villa Solita, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto ao deputado de Cooperación, David Regades, asinaron un convenio de colaboración entre a institución provincial e o concello vigués . 

Este convenio, por valor de 318.952,90 euros dos cales 277.000 proceden da Deputación de Pontevedra e preto de 42.000 do concellos de Vigo, está enmarcado no protocolo de colaboración impulsado en novembro do 2015 entre ambas institucións para a posta en marcha de actuacións e proxectos na cidade, entre as que se inclúen as relativas á promoción da cultura e equipamentos culturais.

Villa Solita, tamén coñecido como "Finca Cabrera" ou "Finca da Señorita Nena", é unha construción cun alto valor histórico-patrimonial de finais do século XIX. No Plan Xeral de Ordenación Urbana do ano 1993 a finca recalificouse como edificable ao 50% sendo cedida a parte da ruína ao Concello de Vigo para establecer un novo uso como centro socio-comunitario. Nestes momentos a ruína atópase valada froito dunha intervención do concello para ralentizar o seu deterioro polo que, mediante este convenio, se pretende mellorar a súa situación e adecuar o espazo para abrilo á cidadanía.

A través deste convenio preténdese recuperar Villa Solita, en Alcabre, para intervir e preservar o patrimonio e recuperar o seu valor identitario, co fin de potenciar a participación da sociedade na cultura mediante iniciativas para o fomento deste equipamento cultural. 

Máis polo miúdo, neste espazo catalogado no patrimonio cultural de Galicia vanse a acometer actuacións tendentes a corrixir patoloxías, consolidar estruturas, permitir o seu uso público e mellorar a accesibilidade da edificación, amais de poñer en valor a casa indiana e propiciar a súa integración no espazo público existente.