Xornadas sobre o cambio climático e o sector agrario en Galicia

O salón de actos do Pazo de San Marcos acolle ata o vindeiro mércores 22 de novembro, unhas xornadas gratuítas organizadas dende 1989 polo organismo provincial e a Real Academia Galega de Ciencias, coa colaboración da Universidade de Santiago, e que cada ano aportan a análise de expertos no campo das ciencias medioambientais, nesta ocasión baixo o título O cambio climático e o sector agrario en Galicia.

O obxecto principal deste proxecto é a realización de accións de desenvolvemento sostible que contribúan a frear o cambio climático, como o acondicionamento dunha parcela de cultivos para producir biocombustibles, a construción dun edificio piloto en madeira con consumo enerxético cero, ou o deseño dun catálogo de solucións de deseño urbano para axudar a frear o cambio climático.

As charlas previstas, todas no Salón de Actos da Deputación, ás 19:30 horas, serán de acceso libre ata completar aforo. Empezaron o día 13 co “O Proxecto Life Lugo + Biodinámico, do programa de acción polo clima Planificación dun barrio multiecolóxico como modelo de resiliencia urbana”, polo Catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Antonio Rigueiro Rodríguez. E onte falouse da “Evolución do clima en Galicia. Evidencias e escenarios de futuro”, polo Catedrático xubilado do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e Académico, Francisco Díaz-Fierros Viqueira.

Hoxe o tema central será o “Cambio climático e agricultura en Galicia”, polo enxeñeiro agrónomo e profesor titular do Departamento de Economía Aplicada da USC, Francisco Sineiro García.

Mañán será o Catedrático do Departamento de Patoloxía Animal da USC e Académico, Pablo Díez Bañosque abordará o “Cambio climático, gandería e sanidade animal en Galicia”.

O día 20 o Catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Roque Julio Rodríguez Soalleiro expondrá o “Cambio climático e produción forestal en Galicia” e o día 21 celebrárase unha mesa redonda sobre“O cambio climático e a biodiversidade” moderada por Antonio Rigueiro Rodríguez, coa participación do profesor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Manuel Antonio Rodríguez Guitián; o profesor do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC, Augusto de Castro Lorenzo; e o Presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso Díaz.

A última xornada, o día 22 a Directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz .Ferreira, presentará a “Estratexia galega de cambio climático e enerxía”.