Quito inspírase en Santiago para a xestión do seu centro histórico

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu un grupo de arquitectos e expertos da cidade ecuatoriana de Quito que están en Santiago para coñecer os traballos de rehabilitación e xestión do centro histórico. Quito está a traballar no Plan de Xestión do seu centro histórico e elixiu a cidade de Santiago como modelo de referencia. Tras ser recibida polo rexedor, a comitiva visitou o Pazo de Raxoi acompañada tamén polo concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, e pola xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

Quito tamén está a elaborar o Plan de Xestión do seu centro histórico. O seu director, Santiago Orbea, recalcou a importancia que para o mesmo supón estreitar vínculos con outras cidades, "e en especial con esta, da que nos quedamos coa moita experiencia que ten na protección do patrimonio e na xestión urbanística".

A cidade ecuatoriana de Quito foi a primeira do mundo en ser declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1978. Na actualidade está a traballar no Plan de Xestión do seu centro histórico e, en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), elixiron as cidades españolas de Santiago e Málaga como modelos de referencia "innovadores e sostibles" que van servir para o deseño e implantación do seu plan. Vencellado a esta iniciativa, un equipo de expertos de Santiago desprazouse a Quito o pasado mes de outubro para participar nun programa de asesoramento e explicar ademais o modelo do Consorcio de Santiago.