Buscar/Hemeroteca

miércoles, 29 de noviembre de 2017

Primeiro estudo de demanda turística da Coruña

A Escola de Turismo da Coruña acolleu a presentación do primeiro estudo de demanda turística da cidade, levado a cabo polo Consorcio de Turismo da Coruña, en colaboración coa propia Escola Universitaria de Turismo, un documento que, en palabras do alcalde, Xulio Ferreiro, "serve para definir as fortalezas e debilidades da promoción turística da nosa cidade, o que nos servirá para implementar medidas de cara a facer accesible a nosa oferta a todos os perfís de visitantes". 

No acto, ao que tamén acudiu o concelleiro de Emprego, Alberto Lema, e a xerente do Consorcio, Lanzada Calatayud, o rexedor salientou que "os resultados desta enquisa veñen a referendar o traballo que está a desenvolver o goberno local neste eido a partir do Plan Estratéxico de Turismo (PET), que recentemente acaba de aprobar". O secretario académico da Escola de Turismo, Carlos Rodríguez Carro, foi o encargado de presentar as liñas xerais deste estudo, que se realizou a través dos resultados obtidos a partir de preto dun millar de enquisas a turistas e excursionistas que visitaron a cidade entre o 15 de xullo e o 16 de setembro.

Segundo o estudo tres de cada catro visitantes proceden do estado español, sendo Madrid, Catalunya e Andalucía os principais territorios de orixe (suman, de feito, o 40% das visitas recibidas). Os e as visitantes estranxeiras teñen, maioritariamente, un perfil ligado ás viaxes en cruceiro, sendo británicas na súa maioría. Por franxas de idade, o perfil tipo de turista coruñés, en base a esta enquisa, é de persoas de entre 40 e 65 anos, nun 60%, seguidos de turistas de arredor de 30 anos (un 20%), a gran maioría con estudos universitarios. Unha destacada porcentaxe viaxa por conta allea, sendo oito de cada dez os que o fan en parella ou coa familia.

En canto ao gasto por persoa, os e as turistas que aseguraron facer un maior desembolso na cidade procedían de Madrid, Catalunya e Andalucía, aloxándose maioritariamente en hoteis de catro e cinco estrelas e rexistrando unha media diaria de gasto de 125 euros. Máis da metade dos e das visitantes indicou que era a primeira vez que visitaba a cidade, se ben a practica totalidade indicou que volvería á cidade.

En canto aos puntos fortes da cidade, os e as consultadas salientaron o entorno natural da cidade, outorgándolle unha categoría de sobresaínte, así como a hospitalidade e amabilidade da xente, a seguridade e a gastronomía. En canto á contorna, destacaron Punta Herminia e a Torre, o Paseo Marítimo e a Praza de María Pita. Os puntos máis débiles da nota media da Coruña teñen, non obstante, unha media alta (un 6,9) e aluden a facilidades no aparcamento, sinalización turística e transporte público.

f_coruna.gal

No hay comentarios: