Nova web Compostela Verde

Acto de presentación da web
Santiago de Compostela conta cunha nova web, Compostela Verde, na que están sinalizados nun mapa os parques e xardíns da cidade, as árbores singulares, con información detallada de cada exemplar; e as 66 masas arboradas identificadas no municipio. Tamén se detallan os espazos singulares dentro dos propios parques, como por exemplo o Paseo Central da Alameda; máis de 500 elementos relacionados coa auga (muíños, fontes, lavadoiros…), e preto de 400 elementos patrimoniais (petróglifos, hórreos, palcos de música…).

Outras capas mostran as hortas urbanas, os miradoiros naturais ou construídos, os máis de 80 parques infantís do municipio e as máis dun cento de instalacións deportivas. Por último, pódese consultar información sobre os parques biosaudables, as áreas de compostaxe, os equipamentos socioculturais, os espazos habilitados para cans ceibos e os sendeiros de Compostela.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, mostrouse "moi satisfeito con este novo recurso, dunha enorme utilidade e á que a cidadanía pode contribuír a mellorar achegando fotografías ou documentación". O concelleiro expresou o seu desexo de que a web "sirva para dar coñecer mellor o potencial das zonas verdes de Compostela e animar a veciñanza a gozar delas", dixo.

A web complétase con información máis xenérica do Departamento municipal de Parques e Xardíns, cun espazo de novas e cun acceso directo á Liña Verde para que a veciñanza poida presentar incidencias.