Gerês Xurés Dinámico

O Pazo de Villarín acolleu a presentación do proxecto "Gerês Xurés Dinámico", unha iniciativa financiada polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP 2014-2020)-Programa INTERREG V España Portugal, que ten como obxectivo a dinamización conxunta da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés, que abrangue os municipios de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños, do lado ourensán, e Montealegre, Terras de Bouro, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez e Melgaço, do lado portugués.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou no acto "o potencial turístico e natural que supón compartir entre Ourense e Portugal a reserva da biosfera Gerês-Xurés", "un proxecto europeo -dixo- no que a Deputación de Ourense representa a seis concellos da provincia, que participan nesta iniciativa turística e medioambiental aliados con cinco cámaras portuguesas e coa Xunta de Galicia". Baltar subliñou a importancia "de traballar en rede, da internacionalización e da cooperación entre territorios, eixes aos que fixen referencia onte no debate sobre o estado da provincia e que, neste caso, remárcase coa nosa interrelación con Portugal, pensando no medio ambiente e na sustentabilidade".

O orzamento total deste proxecto ascende a preto de dous millóns de euros e a súa duración prolongarase ata o 31 de decembro de 2019. O proxecto está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Ademais dos seis concellos ourensáns, representados no partenariado pola Deputación de Ourense, e das cinco cámaras portuguesas, tamén forman parte do proxecto a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a Axencia de Turismo de Galicia, ademáis de Turismo de Porto e Norte.

O obxectivo é dinamizar, protexer e promocionar este territorio transfronteirizo entre Ourense e Portugal, a súa economía e o turismo sostible mediante o fomento da participación activa dos actores do territorio, a promoción do seu desenvolvemento e a protección e conservación do patrimonio natural e cultural.

A Reserva da Biosfera Gerês-Xurés conta con 117 especies endémicas da Península Ibérica e dúas exclusivas da zona. Na fauna salientan 204 especies protexidas nacional e internacionalmente, e no relativo ao patrimonio cultural hai abundantes vestixios da ocupación neolítica e romana, xunto con exemplos de arquitectura medieval.

No marco do proxecto levaranse a cabo iniciativas de sensibilización dirixida aos habitantes do territorio sobre os valores naturais e culturais asociados á reserva e a recuperación do patrimonio etnográfico; e no que atinxe aos visitantes, iniciativas de promoción para situar nacional e internacional a reserva como destino de turismo sustentable. Outra liña de traballo vai dirixida aos escolares da eurorrexión Galicia–Norte de Portugal para darlles a coñecer a reserva e implicalos na súa conservación, posta en valor e difusión. E a cuarta iniciativa está orientada aos xestores, para proporcionarlles instrumentos de apoio no labor de conservación da biodiversidade deste territorio.

O acto oficial da xornada contou, ademais do presidente da Deputación, co presidente do Conselho de Administração da ADERE-PG, Augusto Marinho; do vicepresidente da Entidade Regional de Turismo do Porto e Norte de Portugal, Jorge Magalhaes; da Secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado; da vicepresidenta da CCDR-N, Ester Gomes; e da directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz.

A presentación do proxecto correu a cargo da subdirectora xeral de Espazos Naturais, Nieves López e da administradora-delegada da ADERE-PG, Sonia Almeida. Trala súa intervención foi a quenda para o debate, cunha mesa redonda na que interviñeron alcaldes da Reserva da Biosfera para analizar as cuestións das potencialidades de desenvolvemento local na área da Reserva. A presentación rematou coa celebración das "I xornadas gastronómicas Gerês Xurés Dinámico", un taller de cociña a cargo do chef Martín Álvarez, no que se presentaron produtos típicos da Reserva.