Galicia Norte, Mares de Experiencias, 10 rutas para non perdelas

Os responsables de Galicia Norte, Mares de Experiencias presentaron en Ortigueira este proxecto impulsado polos Galp A Marña-Ortegal e Golfo Ártabro-Norte que ten como novidade a creación de 10 rutas turísticas e que abrangue 23 concellos, dende Paderne ata Ribadeo, e case 400 quilómetros de costa.

Trátase de rutas temáticas, 10 itinerarios transversais ao territorio, para crear sinerxias e potenciar o turismo mariñeiro, que se poden encardinar entre si para mellorar a experiencia do visitante e achegar máis posibilidades para que oferta turística da zona non sexa estacional, de xeito que permita gozar dos recursos durante todo ano.

Barrios con alma mariñeira, percorrido polas vilas con cascos históricos singulares; Vixías do norte, itineraio polos faros da costa norte de Galicia; Pontes entre o pasado e o presente, percorrido polos viaductos senlleiros e históricos da zona; A Galicia indiana, Tradición baleeira, Unha ruta de altos voos (para os amantes da ornitoloxía), Sendeiros de vida e historia, entre fragas e ríos cheos de sonoridade; Os templos do surf, Aventura sobre catro rodas, percorrido que enlaza as vilas e localidades con áreas para caravanas e autocaravanas e Manxares con sabor norteño, que é unha senda que percorre as localidades con festas gastronómicas da zona.