Deputación de Pontevedra solicita o inicio das obras de conservación do Pazo de Lourizán

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, remitiu hoxe unha carta á Vicepresidencia da Xunta de Galicia para que, "como obriga o convenio de cesión da Finca e as edificacións de Lourizán, asinado en 1990 entre ambas institucións, e como ratifica o segundo convenio firmado no ano 2000", o goberno galego inicie as actuacións necesarias para afrontar os traballos para a conservación do Pazo, inmoble catalogado e integrado no Patrimonio Cultural de Galicia.

A presidenta provincial lembra que o convenio de cesión de Lourizán á Xunta de Galicia por un prazo de 30 anos, ata o 22 de xaneiro de 2021, "deixa meridianamente claro" que unha das obrigas do executivo galego é "efectuar as obras de conservación para o mantemento da zona nobre do conxunto, respectando o seu carácter artístico". Amais, no convenio, ratificado no ano 2000, cítase expresamente como obriga da Xunta "efectuar obras de conservación necesarias na zona nobre, respectando o actual conxunto".

Silva aporta no seu escrito á Vicepresidencia a Memoria Técnica sobre as intervencións necesarias para a conservación do Pazo, realizada polo Servizo de Arquitectura da Deputación provincial, na que a estimación económica é de máis de 14 millóns de euros. No informe, póñese de manifesto "o deficiente estado de conservación do Pazo que esixe a súa restauración" e relata a necesidade de actuacións porque "a seguridade estrutural non está garantida en diversas zonas do edificio; actualmente está apontoada a galería; presenta fracturas en varios dos dinteis; hai zonas con repisado en varias salas e corredores; humidades moi patentes; zonas que invadiu a vexetación; e áreas colonizadas por algas, mofos e liques". O informe técnico tamén sinala que "parte da cuberta da cara sur do inmoble comezou a afundirse; existen riscos importantes no tocante á seguridade eléctrica con perigo de curto circuítos; as carpinterías, tanto interiores como exteriores, atópanse en mal estado; e dado que non se dispón de ningún tipo de vixilancia, existe inseguridade fronte a actos vandálicos, ocupacións ou roubos".

O persoal técnico da Deputación de Pontevedra propón actuacións, desde unha visión global do edificio, para coñecer a fiabilidade da estrutura, unha análise pormenorizado das zonas apontoadas, a substitución e reparación dos cadros eléctricos, e o estudo de cada un dos aspectos que presentan un grao de deterioración. Amais pide o respecto máximo á concepción e aos materiais orixinais do inmoble co mantemento dos elementos merecedores de protección, a substitución dos elementos gravemente deteriorados e a renovación daqueles que que carecen de valor patrimonial e a incorporación do principio da rehabilitación sostible, compatibilizando a conservación dos valores patrimoniais do edificio coa mellora das envolventes térmicas e as prestacións enerxéticas. O informe fai unha estimación económica das actuacións de máis de 14 millóns de euros (14.255.010 euros)