"Santiauga", para a hostalería compostelá

O obxectivo do proxecto Santiauga da Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia de Santiago busca fomentar o consumo da auga da billa no sector da hostalería. Así o presentou o edil Xan Duro, na rolda de prensa, acompañado por Constantino Penedo, xefe de proxectos de medio natural de Novotec, a empresa que colabora co Concello nesta campaña.

Nunha primeira fase poderán sumarse a este proxecto ata 25 establecementos de restauración de Compostela, preferiblemente que ofrezan menú do día, que se comprometerán a ofertar a auga da billa para acompañar os xantares ou as ceas. O Concello facilitaralles as botellas para servila, co logo da campaña. Unha vez analizada a resposta dos consumidores e consumidoras, a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia estudará a implantación do proxecto un maior número de locais.

Os establecementos de hostalería que desexen implicarse no proxecto piloto deben remitir un formulario ao correo electrónico medioambiente@santiagodecompostela.gal. O Departamento municipal seleccionará aos participantes que cumpran os requisitos mínimos, por orde de inscrición.

Xan Duro incidiu en que "o consumo da auga da billa é a mellor opción por calidade, sustentabilidade, prezo e saúde". O concelleiro sinalou que o obxectivo é "axudar a cambiar os hábitos da cidadanía, contribuíndo a coidar o medio ambiente". Nese sentido, incidiu no "enorme impacto que teñen os residuos plásticos, que se suman aos custos ambientais do seu transporte". Duro tamén quixo salientar que "do prezo que pagamos por unha botella de auga, o 90% corresponde ao propio envase e o 10% ao produto en sí".

A auga da traída de Santiago conta coa certificación ISO 22000 de seguridade alimentaria e control da inocuidade da auga potable, un recoñecemento implantado nas industrias alimentarias de referencia que se comezou a introducir tamén nalgúns abastecementos de auga de consumo humano.

Ademais, estudos feitos en laboratorio sinalan que a auga da billa de Compostela ten niveis de calidade idénticos aos da auga embotellada, cun grao de mineralización débil, niveis intermedios de PH e baixo contido en sodio.

f_ santiagodecompostela.gal