O XII Encontro de Xestores de Patrimonio Mundial vaise celebrar na Coruña

Durante a celebración do XI Encontro de Xestores,en Palma de Mallorca, baixo o lema Patrimonio vivo, patrimonio vivido. Actividades máis alá das dirixidas ao turismo, anunciouse que a cidade da Coruña acollerá no 2018 a XII edición do Encontro de Xestores de Sitios Declarados Patrimonio Mundial en España. 

Será a primeira vez que a cidade acolla este foro, no que cada ano participan un cento de responsables da xestión de espazos inscritos na Lista de Patrimonio Mundial do Estado, unha relación que abrangue sitios tan diversos como conxuntos históricos, monumentos, parques naturais ou paisaxes culturais, entre outros, e que son cualificados pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) como lugares que posúen un valor universal excepcional.

O concelleiro de Emprego e presidente do Consorcio de Turismo de A Coruña, Alberto Lema, valora como "moi positiva" a decisión do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de escoller á localidade como sede, despois de aceptar a proposta lanzada polo executivo municipal o pasado mes de xaneiro. "Este goberno cre na potencialidade da Coruña como cidade para a organización de eventos e congresos, pero é que precisamente a tipoloxía do mesmo, así o seu patrimonio natural e cultural, fan que o municipio sexa idóneo para acoller un evento destas características", explica o edil. 

"A Coruña é unha cidade óptima como sede deste encontro, cuxa celebración avala e reforza a aposta do goberno local, tal e como vén referendada polo Plan Estratéxico de Turismo, por esta vía de proxección do municipio", di o titular da área de Emprego e Economía Social, quen salienta que "esta é unha cidade que se está a converter en referencia do turismo de carácter patrimonial, cultura e de congresos". "As cifras amosan que esta cidade está crecendo, pola súa compoñente verde, marítima e acolledora co turismo de congresos, pero ademais, seguimos medrando como reclamo de cidade histórica e patrimonial entre outras cousas grazas a todos as actuacións que estamos a levar a cabo para protexer e mellorar a contorna da Torre de Hércules, así como a promoción do Camiño Inglés, dúas cuestión que, entendemos, foron moi tidas en conta á hora de elixir a nosa cidade como sede deste congreso".

f_ coruna.gal