O Grove, a gran mariscada do outono galego

O ciclo turístico non conclúe en O Grove ata que cae o telón da Festa do Marisco. Dez días intensos e gozosos (5- 15 de outubro na edición LIV) para que non menos de 200.000 persoas certifiquen e espallen pola Hispania Citerior e Ulterior e pola Unión Europea a excelencia, por saborosa e diversa, da oferta gastronómica dos froitos do mar e as actividades culturais e festivas que a rodean.

Pesca e turismo aparecen como vectores deste pequeno pero dinámico municipio das Rías Baixas galegas, que abraza o mar para acoller aos visitantes nun entorno natural privilexiado. Non podía ser doutro xeito. 

Por algo o gran Lueiro Rey, alma literaria e referencia cívica, falou do seu Grovecomo “unha vila con raíz na auga”. Un ano máis, e van 54, a gran mesa do mar está servida dende o día 5 deste mes e ata depois da ponte do Pilar.

Rivaliza O Grove con quen se poña por diante en todo o referido á cociña dos froitos do mar. Diríase que a península meca, vixía senlleiro da bocana da espléndida ría de Arousa, ausculta, ao pé de cada hora, as augas e os areais nos que se cultiva, recolle e pesca o mellor do mar. Por algo se lle apón o título de Paraíso do marisco. 

E se calquera data resulta propicia para regalarse cunha ben servida mariscada, qué non poderá dicirse dos dez días do outono marcados pola Festa do Marisco, con experiencias, faenas, capturas, suministros e saberes gastronómicos atesourados, aderezados e contrastados ao longo de, alomenos, 54 anos.