Mesón Colón gaña o Concurso de Tapas de Lugo

O gañador do XIII Concurso de Tapas de Lugo, elixido por un xurado popular, e que repite por segundo ano consecutivo, foi Mesón Colón, coa tapa Xógaras e mar. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo, Cheché Real, foron os encargados de entregar os premios aos gañadores 

Ademais, recolleron os seus diplomas o Restaurante España, pola mellor maridaxe con Estrella Galicia, e tamén o terceiro premio do concurso -outorgado por un xurado técnico entre os 12 finalistas escollidos pola cidadanía-, Mesón O Castelo, pola maridaxe de viño con DO Ribeira Sacra, o Figón, que recibiu o segundo premio, e Os Cachivaches, o primeiro premio. Ademais, ao longo do acto sorteáronse os agasallos entre os e as clientas participantes. 

Cheché Real agradeceu o patrocinio do Concello a este concurso de tapas "que gozou de moi boa acollida, repartíndose 34.200 tapas, unhas 2.200 máis que a edición anterior, xerando un volume de negocio de 187.000 euros, entre clientes da cidade, de localidades próximas, de Galicia e doutros lugares, como Barcelona, Biscaia, Granada, Madrid, Tenerife, Zaragoza ou Burgos, e ata de Estados Unidos”.