Festa da Castaña en Folgoso do Caurel

Folgoso do Caurel acolle este domingo a XXX Edición Festa da Castaña, un evento ao que a Deputación de Lugo adicou unha acega de 4.000 euros para as actividades que se desenvolven nesta xornada, converténdose no principal patrocinador deste evento. 

A presentación da festa correu a cargo da alcaldesa de Folgoso do Caurel, Dolores Castro Ochoa, xunto con outros membros da corporación municipal, así como produtores do sector da castaña, ademais do diputado delegado da área de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde.

Declarada de Interese Turístico Galego, contará coa participación de 20 stands con venda de produtos da zona e artesanía. Esta festa serve para poñer en valor un dos produtos mais identificativos da Montaña Lucense como é a castaña e contribúe de xeito decidido a incentivar a comarca.

A xornada de exaltación arrancará ás 12:00 horas coa actuación de grupo de gaitas do Caurel, e despois comezará a degustación gratuíta de castañas na parroquia de Seoane. O pregón correrá a cargo de Emilio Rúa, que tamén actuará coas súas composicións. 

O grupo “O Recanto”, e a charanga “Cov Band”, tamén amenizarán a xornada. Pola tarde a partir das 17:00 horas haberá troula e animación infantil con “Uxía e a banda Molona”, ademais dunha exhibición de cestería. A cita pechase con música e castañas de balde para todos os asistentes.

A Alcaldesa convidou a todos os visitantes a achegarse ao Caurel para desfrutar da súa gastronomía, do seu entorno e das súas paisaxes, e lembrou que durante esta celebración haberá postos de artesanía, ademais de produtos da zona e de tempada.