Chegan os festexos dos cogomelos as Rías Baixas

Soutelo de Montes retoma o 5 de novembro a Festa dos Cogomelos da man da asociación cultural O Can de San Roque despois de catro anos sen celebrar o evento. A festa volve con forza e volve apostar por combinar a degustación de diferentes preparacións de cogomelos e un concurso de cestas de produtos da terra, que premiará as mellores composicións.

A festa tamén inclúe a organización dun mercado de produtos locais e dun magosto, que estará animado por grupos de música tradicional. Todas as actividades realizaranse baixo unha carpa instalada na praza dos Gaiteiros. Ademais, programáronse dúas actividades de contacto coa natureza, unha ruta BTT e unha camiñada por sendeiros da zona. Para participar é necesario inscribirse previamente en candesanroque@gmail.com.

E a XXV Festa dos Cogomelos de Vilagarcía de Arousa,organizada pola asociación A Cantarela, no marco da programación do seu Outono Micolóxico, está marcada este ano para o domingo 19 de novembro e, como é costume, haberá degustación de cogomelos, un concurso de cociña e unha exposición de cestas de outono, todo iso durante a mañá, de 11 :00 a 15:30 horas, na praza da Peixería.

A Cantarela poñerá á disposición do público distintas receitas de cogomelos a un prezo de 5 euros a ración, que se servirá cunha copa de albariño e pan. Entre as propostas, non faltarán as preparacións con arroz, fabas e pementos do piquillo.

Ademais da degustación gastronómica, na praza da Peixería poderase gozar da exposición de cestas, contemplar os distintos pratos que optan ao premio de cociña e adquirir libros e outro material relacionado co mundo da micoloxía.

f_ turismoriasbaixas.com