Buscar/Hemeroteca

martes, 24 de octubre de 2017

Avanza a restauración do Castro de Elviña

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado do concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, visitou o xacemento arqueolóxico do Castro de Elviña para supervisar o inicio das actuacións, que se prolongarán durante cinco meses e que se completarán, na primeira metade do ano que vén, cunha segunda fase de estudo dos materiais extraídos e a elaboración dunha memoria, para o seu tratamento e musealización.

As obras afectarán aos 6.300 metros cadrados de superficie escavada para recuperar e dignificar esta peza do patrimonio da cidade.  "Falamos dunha intervención ambiciosa, unhas obras que teñen unha partida de máis de 800.000 euros e que afondan na que é unha liña estratéxica da Concellería de Culturas para o ano que vén, como é a posta en valor do patrimonio", destaca Sande, quen incide "na aposta do executivo municipal por recuperar para a cidadanía un enclave de grandísimo valor, pero que foi inxustamente esquecido e apartado do circuíto cultural e patrimonial e ao que cómpre devolver a dignidade".

Baixo a supervisión do arqueólogo municipal, o proxecto contempla tamén intervencións nas tres entradas documentadas do castro, e rematar a escavación da terceira entrada, que foi documentada no ano 2013, de cara a deixar á vista o pavimento de pedra, que presenta un bo grao de conservación, e os dous torreóns, ademais da praza de acceso.

Os traballos, como salienta o concelleiro de Culturas, servirán tamén para axudar a comprender a evolución do xacemento, que presenta evidencias de distintos graos de poboación segundo as épocas, así como amosa indicios das distintas fases construtivas, "para poder dar ao público que o visita unha narración máis completa da súa historia".

Nestas primeiras semanas, o xacemento foi sometido xa a unha limpeza da superficie xa escavada, coa retirada de maleza e dos depósitos de area que foron colocados a modo de protección durante os períodos nos que a escavación estivo detida. Este mesmo luns deron comezo os traballos de restauración e escavación nas partes que aínda non foron sometidas, co obxectivo de deixar os muros á vista. Unha vez concluídos, realizarase unha proposta de restauración e consolidación para cada un dos sectores do Castro, que deberá recibir o visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio.

f_coruna.gal

No hay comentarios: