Avances no plan de acción da axenda urbana do Eixo Atlántico

En marzo de 2017 celebrarase o lanzamento do plan de acción co que se materializará a Axenda Urbana do ente transfronteirizo, conformado por concellos de Galicia e Portugal. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, mantivo  unha reunión no Pazo de María Pita con Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico para ultimar detalles sobre o acto que acollerá a cidade.

Está previsto que a cidade sexa a sede dunha xornada que reunirá representantes políticos e expertos e expertas en políticas urbanas de Galicia, Portugal, España e a Unión Europea. "Despois de que este verán, en Braga, as administracións que formamos parte do Eixo Atlántico aprobásemos as bases para a creación da nosa Axenda Urbana, é necesario poñer en práctica todo o que acordamos na teoría en forma de documento político", indicou o rexedor, que destacou a necesidade de que as cidades poñan en marcha "políticas urbanas transformadoras que sirvan para conformar o modelo de futuro que pretendemos".

Segundo comentou o primeiro edil da Coruña, o acto de lanzamento do plan de acción da Axenda Urbana do Eixo Atlántico basearase na colaboración e a participación. "Acordamos que o acto debe consistir tanto en consultar como en coñecer as experiencias máis relevantes en materia de políticas urbanas levadas a cabo por diversas cidades de toda a Península Ibérica e de Europa", dixo. "Estamos dando cumprimento a un mandado da UE. As cidades son o motor económico e social de Europa e as políticas urbanas son fundamentais para o desenvolvemento económico e a mellora da calidade de vida. Na Coruña estamos especialmente involucradas nesta liña, porque cremos que é a correcta para poder xestionar de forma adecuada", insistiu o alcalde.

Pola súa parte, Vázquez Mao salientou que "o Eixo Atlántico procedeu a semana pasada a entregar a Bruxelas a Axenda Urbana que deseñamos en Braga este verán". "Agora, o que nos toca é levar ao concreto as accións que deseñamos. Non queremos levar a cabo un documento teórico, senón un participativo, feito coas experiencias e achegas de distintas cidades. Iso é o que imos comezar a facer na Coruña", dixo, á vez que salientou a implicación do Concello en todo este proceso.

f_ coruna.gal