A Deputación de Pontevedra na Conferencia de Rexións Fronteirizas Europeas 2017

Dentro da ‘Cross Border School 2017', a primeira ‘escola transfronteiriza' organizada ao abeiro da Conferencia de Rexións Fronteirizas Europeas que se está a celebrar en Cáceres, e que ten como obxectivo o intercambio de experiencias para a cooperación entre territorios de diferentes países,  deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez expuxo  o traballo de cooperación realizado polas administracións do territorio transfronteirizo do Miño na provincia de Pontevedra e o Norte de Portugal como ‘caso de estudo' a seguir por outras rexións europeas. O nacionalista participou como relator en nome da Deputación de Pontevedra 

Benítez destacou que a fronteira do Miño supón a concentración de poboación máis numerosa e o intercambio máis grande de mobilidade da fronteira hispano lusa, e subliñou que "as relacións entre os pobos galego e portugués son moi vellas", mais ambos foron diferenciados hai séculos por unha fronteira que non existe nas relacións cotiás pero que sigue presente administrativamente.

O responsable provincial explicou que a raíz dos elementos comúns entre ambas partes da fronteira do Miño foron xurdindo nos últimos anos experiencias para transformar e achegar relacións. Así, promovéronse polos concellos varias eurocidades (Cerveira-Tomiño, Tui-Valença, Salvaterra-Monçao) e outro tipo de colaboracións menores. Sen embargo, Benítez destacou o importante traballo que a día de hoxe están a realizar as entidades provinciais do espazo: a Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho de Portugal, que de xeito conxunto veñen de crear unha agrupación europea de cooperación territorial (AECT), que está en fase de aprobación.

Benítez lembrou que grazas á cooperación transfronteiriza sobre o río Miño vén de acadarse un investimento de 3 millóns de euros de fondos europeos no territorio. Este financiamento chega grazas ao proxecto VISIT_RIO_MINHO, presentado á primeira convocatoria do Programa Operativo España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 Interreg V-A nunha candidatura conxunta da Deputación de Pontevedra coa CIM Alto Minho, os concellos do norte de Portugal, a Fundación CEER, o Centro Tecnolçóxico do Mar e a Univesidade de Vigo. Este proxecto obtivo un cofinanciamento do 75% de fondos FEDER no marco da referida convocatoria, cun orzamento total de dous millóns de euros e unha achega da Unión Europea que ascende a 1.500.000 euros. Por outra parte, Benítez tamén lembrou que se acadaron 942.022,47 euros para o programa SMART MINHO (dos que a UE aporta o 75%) e que beneficiarán a todos e cada un dos concellos da raia (A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo e Crecente, xunto coas câmaras portuguesas). Estes fondos destinaranse ao deseño estratéxico do territorio, con intervencións inmateriais e culturais para poñelo en valor e fomentar o turismo, e para relanzar o plan de transportes transfronteirizo que leva tempo en proxecto.

f_ depo.es