Tomiño e V.N. de Cerveira contarán co primeiro parque transfronteirizo ibérico

A Deputación de Pontevedra acaba de implicar aos colexios e ordes de arquitectos e enxeñeiros galegos e portugueses no deseño da nova ponte peonil sobre o río Miño. O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez reuniuse hoxe cos decanos e presidentes destes organismos e convidounos a participar no xurado do concurso de ideas que seleccionará a imaxe do viaduto que unirá o espazo da Fortaleza en Tomiño co espazo do Castelinho en Vila Nova de Cerveira para "crear o primeiro parque transfronteirizo ibérico".

Benítez explicou que o proxecto para a nova ponte peonil sobre o río Miño é unha actuación incluída na proposta de Preservación e valorización do Río Miño Transfronteirizo ‘Visit Rio Minho' presentada á primeira convocatoria dos fondos europeos do Interreg VA-POCTEP, cun orzamento de dous millóns de euros e que obtivo un 75 % do financiamento (1.500.000 euros) por parte do FEDER, que valorou positivamente a iniciativa.

O nacionalista subliñou que a Deputación considerou que o procedemento máis axeitado para escoller o deseño final para o novo viaduto, dada a súa importancia estratéxica e simbolismo, era a realización dun concurso de ideas, que "é relevante e áxil, ten un carácter público e aberto, potencia a singularidade do proxecto, e permite a intervención dun xurado". De feito, o organismo provincial xa puxo en marcha o concurso para a ponte, que ten o prazo de presentación aberto ata o 23 de outubro.

O procedemento para a selección da proposta gañadora pasará por tres fases: na primeira seleccionaranse as tres mellores ideas, que terán unha prima de participación de 10.890 euros cada unha; na segunda concursarase para desenvolver esas tres propostas finalistas e o gañador ou gañadora redactará o anteproxecto; na terceira fase analizarase a viabilidade da proposta (permisos, autorizacións e licenzas) e redactarase o proxecto construtivo.

No encontro estiveron presentes a alcaldesa de Tomiño, e o vicepresidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, xunto ao arquitecto municipal e outro técnico; o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño; o decano do Colexio de Enxeñeiros, Ricardo Babío; o presidente do consello directivo da Ordem dos Engenheiros de Portugal Región Norte, Joaquim Poças; e o vicepresidente da Ordem dos Arquitectos de Portugal, Daniel Fortuna, entre outros.