Termatalia más internacional

Termatalia, que se celebra en Expourense ata este venres día 22 de setembro, chega este ano á súa 17ª edición, posicionada como punto de referencia internacional para o negocio no turismo termal, de saúde e benestar, e conta con México como país convidado. Nesta feira participan 260 expositores, 30 touroperadores e 40 países representados, con masiva presencia de América Latina e de Europa, incorporando tamén a Asia-Pacífico.

Precisamente, da promoción da riqueza termal ourensá falou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto inaugural da feira "Termatalia" subliñando a importancia de contar co certame de termalismo "máis importante do mundo, Termatalia, que se organiza en Ourense", e onde definiu a esta feira -con representación de 40 países-, como unha verdadeira "ONU termal", que se celebra na provincia con maior potencial en termalismo de Europa: Ourense".

O presidente provincial tivo ao comezo do seu discurso palabras de apoio para o pobo de México, "ao lle enviamos todo noso afecto e solidariedade", pola traxedia sufrida co terremoto do pasado martes, e remarcou a importancia "de seguir promovendo a nosa riqueza termal, nos ámbitos do turismo, o ocio e a saúde, como vimos facendo desde o goberno provincial co desenvolvemento, en 2014, conxuntamente coa Xunta de Galicia, do Plan "Ourense, a provincia termal" que está executado nestes momentos ao 60 % e que supuxo novas infraestruturas termais, programas de termalismo, promoción termal e iniciativas como a que será realidade en 2018 coa apertura do balneario de Berán, ao que hai que engadir a colaboración co Goberno de España para levar a cabo accións de difusión do termalismo".