Buscar/Hemeroteca

viernes, 29 de septiembre de 2017

San Froilán, festa rachada

As festas de San Froilán, de Interese Turístico Nacional, converten a Lugo nun dos principais destinos galegos do outono, destino festivo e destino gastronómico que ten no polbo á feira o seu grande referente. Decía Álvaro Cunqueiro que estas festas, que abranguen do 4 ao 12 de outubro, “son as máis fermosas do outono galego”, e nunha cidade que ten tres Patrimonios da Humanidade: a Muralla, a Catedral e o Camiño Primitivo.

Na estadía estes días de festas é imprescindible o paseo polo adarve da muralla romana, monumento único no mundo, pois é a única que en todo o territorio do Imperio conserva íntegro o seu perímetro.
Un paseo de algo máis de dous quilómetros que permite ver o centro histórico desde arriba, dous milenios aos pés dos visitantes.

Ademais dos monumentos, o Lugo histórico amosa prazas e rúas que convén percorrer amodo, con densa presenza de tabernas, bares e restaurantes onde o bo viño e a boa gastronomía son denominador común. A Praza do Campo e a Rúa do Miño, que articulan o barrio medieval ou Burgo Vello; a Rúa Nova; a rúa de San Pedro e o Campo Castelo que coinciden co chamado Burgo Novo, tamén de orixe medieval; a Praza de Santa María, coa catedral e o palacio episcopal e coa súa piscina romana musealizada ao aire libre; e tamén as partes máis modernas que se desenvolveron no século XIX, coma as rúas Raíña e Progreso, a praza de Santo Domingo ou a rúa San Marcos que agora é máis ben unha praza.

O cinco de outubro San Froilán, o amigo dos lobos, é o pretexto para uns festexos nos que Lugo, sempre cidade aberta, está máis aberta que nunca. Milleiros de persoas acoden á bimilenaria cidade dende os arredores, de toda Galicia, e de fóra, moi especialmente de Asturias e León, pero tamén de Portugal. O Domingo dás Mozas, o seguinte ao día do Patrón, é un verdadeiro enxamio de xente, que sempre parece que non cabe e sempre acaba por caber.

Quizais entre a festa e os paseos pola cidade e os seus arredores aos visitantes non lles cheguen os días pero sempre poderán voltar. En calquera época do ano. Ao San Froilán polas festas e pola gastronomía, fundamentada nestas datas no polbo ao estilo da feira, que se pode gozar tanto nos restaurantes clásicos como nas casetas, que son en realidade restaurantes temporais instalados durante todo o mes de outubro nas costas do parque, por baixo do parque Rosalía de Castro, outra das grandes belezas de Lugo.

Ao respeito das festas, a alcaldesa, Lara Méndez, precisa que “sería quizais un pouco esaxerado dicir que as festas do San Froilán son tan fermosas como a nosa muralla, e de momento tampouco non expresamos a pretensión de que sexan declaradas Patrimonio Mundial por ningún organismo internacional.

Pero o caso é que cada vez máis xente de fóra de Galicia ten inscritas nas súas axendas persoais esta gran festa de outono”.

Toda a programación da festa do San Froilán 2017 pódese consutar na páxina www.sanfroilan.info

No hay comentarios: