Pontevedra, modelo urbano envexado

Coñecer o modelo urbano polo miúdo, dun xeito teórico e técnico pero tamén práctico co fin de buscar o camiño a seguir para peonalizar espazos amplos das súas cidades e dar unha resposta axeitada aos problemas derivados dun tráfico abusivo. Con este fin achegouse a Pontevedra unha delegación intermunicipal francesa de Bassin de Thau, unha aglomeración urbana situada na Occitania e composta por catorce concellos.

A intensa axenda de traballo desenvolvida pola delegación encabezada polo alcalde de Sète e presidente da Thau, François Commeinhes, inclúe reunión con técnicos municipais, un percorrido pola cidade guiado polo alcalde Miguel Fernández Lores, unha visita ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e unha visita a empresa Setga.

Françcois Commeinhes sinalou o proxecto que teñen por diante de peonalizar de xeito permanente amplos espazos no centro da cidade. Un proxecto que nace ao abeiro de ter que cortar ao tráfico estes espazos cada vez que organizan algunhas das súas frecuentes citas cívicas, deportivas, etc. Buscan na experiencia de Pontevedra ideas para levar adiante a transformación. Eles recoñécense na Pontevedra de antes, con atascos e bloqueos de circulación e aspiran a ser a cidade de agora, peonil, accesíbel e amable.