Plan Estratéxico de Turismo de Pontevedra para os anos 2017-2020

Onte, na sede da institución provincial en Vigo e ante os alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras do sur da provincia e o sector empresarial turístico, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polos deputados e deputadas provinciais Chelo Besada, Javier Dios, Montse Magallanes e Uxío Benítez, presentaron as conclusións da fase de concertación do Plan Estratéxico de Turismo para a provincia de Pontevedra para os anos 2017-2020. 

Para esta primeira fase, a institución provincial consultou aos concellos e á industria turística para coñecer a situación real do destino Rías Baixas e, unha vez postas en común todas as conclusións desta análise, establecer as bases das accións que se incluirán no documento final.

Carmela Silva sinalou que "o Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020 é fundamental na provincia porque nunca se formulara a necesidade de elaboralo" e, asegurou, "aínda que Rías Baixas é unha grande idea que nos situou no mapa, coxeaba de moitas cuestións" como, ademais da propia necesidade do Plan, "que as tarefas que desenvolve a Deputación de Pontevedra para fortalecer o turismo sostible se fixeran contando cos concellos, co sector privado e cos axentes turísticos". "Queremos que este sexa o Plan Estratéxico non da Deputación de Pontevedra senón da provincia de Pontevedra, do seu sector turístico e dos seus concellos", sinalou. Ao respecto dos gobernos locais, Carmela Silva asegurou que "son quen mellor coñecen as potencialidades do seu territorio e os sinais de identidade que queren promover para atraer turismo sostible e de calidade a curto, medio e, sobre todo, longo prazo".

Carmela Silva agradeceu ao sector e axentes turísticos mailos gobernos locais pola "inmensa participación, a máis alta entre todos os plans que ten elaborado a empresa adxudicataria", ao ter participado "54 dos 61 concellos e o 100% das empresas ás que se solicitou a súa participación", o que para a Presidenta amosa "que hai interese, ocupación e preocupación por que as cousas se fagan ben". Para a fase de concertación elaboráronse mesas de traballo, enquisas, entrevistas e reunións co obxectivo de identificar as potencialidades, debilidades, afoutezas e oportunidades da provincia a nivel turístico. "A partir de aí imos elaborar o Plan de forma inmediata, en outubro e novembro, para o que volveremos convocarvos cunha proposta para validar, ampliar e modificar o documento" que só se pode desenvolver deste xeito, sinalou Carmela Silva, "para que os recursos que poñamos á súa disposición teñan os resultados pretendidos".