O 29 e 30 de setembro Santiago homenaxeará a Rosalía

O Festival Rosalía, unha gala e unha feira de produtos coa súa marca se desenvolverán os días 29 e 30 de setembro en Santiago de Compostela, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e a Fundación Rosalía de Castro. Ademais de música e poesía, no festival haberá obxectos como cuncas, camisolas, cervexa, sacas ou libros con Rosalía como protagonista.

O cartel xa avanza a esencia do evento: a imaxe de Rosalía como unha superheroína con capa e máscara. Serán dúas xornadas para homenaxear unha Rosalía "moderna, reivindicativa, enérxica, revolucionaria, con mensaxes contundentes e defensora dos dereitos da Galiza e das mulleres" como dixo a vicepresidenta da Deputación Goretti Sanmartín na presentación do Festival que tivo lugar en Santiago e na que participaron tamén a concelleira de Igualdade de Santiago, Marta Lois, o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias e a música Xiana Lastra, unha das participantes na gala.

A iniciativa, que conmemora o centenario da inauguración do monumento da Alameda, consistirá nunha gala no Teatro Principal que terá lugar o día 29 de setembro ás 21 horas e contará coa actuación de Abe Rábade xunto con Nastasia Zürcher, Najla Shami, Uxía Senlle con e Sérgio Tannus e Santi Cribeiro, e Xiana Lastra con Andrea Porto. A poesía virá nas voces de Anxo Angueira, Cesáreo Sánchez Iglesias, Marta Dacosta e Rosalía Fernández Rial. A gala estará presentada pola poeta e actriz Lorena Conde e dirixida por Avelino González e a entrada será gratuíta previa retirada no Teatro Principal (de martes a sábado en horario de 18-21h).

No seguinte día, o sábado día 30 de setembro, terá lugar a feira de produtos coa "marca Rosalía", coa participación dunhas vinte empresas que fabrican camisolas, bixutería, cervexa, sacas, libros ou discos coa escritora como protagonista. O mercado rosalián instalarase na Praza de Cervantes e estará aberto de 11 a 20 horas. A Banda Municipal de Santiago inaugurará a feira en que, ao longo da xornada programaranse actuacións do grupo Habelas Hainas e a compañía de Larraitz Urruzola con música e monicreques arredor de Rosalía.

Marta Lois, mostrou a súa satisfacción pola conmemoración nun Santiago que, segundo sinalou, "está a construír o Territorio das Mulleres e se hai unha que é a porta de entrada, esa é Rosalía" e festexou a iniciativa non só polo seu alcance cultural senón tamén polo "impulso para o desenvolvemento económico que pode ter no concello".