Maior afluencia de turistas a través do Camiño do Mar

O proxecto ‘Galicia Norte, Mares de Experiencias’, impulsado polos GALP a Mariña-Ortegal e Golfo Ártabro Norte, presentouse en Foz nun encontro con entidades públicas, asociacións e empresas privadas interesadas en poñer en marcha iniciativas empresariais vinculadas co turismo mariñeiro. 

Entre os asistentes, atopábanse promotores de negocios creados ao abeiro de proxectos GALP, como o camping Rinlo Costa e Maremasma. Desta forma serviron de fonte de inspiración para algúns dos presentes. No acto tamén participaron representantes do Concello e doutras asociacións.

Durante a xornada, entidades e empresas manifestaron que detectan unha maior afluencia de turistas a través do Camiño do Mar, que chega a Santiago de Compostela desde Ribadeo, sendo considerable o incremento de visitantes estranxeiros. 

Na sesión, os asistentes puideron coñecer proxectos vinculados con actividades mariñeiras que se están desenvolvendo na zona, como é o caso da visita a industrias conserveiras ou a posibilidade de que as mariscadoras mostren o seu traballo. 

Tras Foz, a vila de Narón será a última en acoller estas xornadas. O encontro terá lugar hoxe, 27 de setembro, no Salón Café Teatro do Pazo da Cultura (Rúa Holanda, s/n), entre as 11 e 12.30 h.