IV edición do WOS Festival

Do 6 ao 10 de setembro Santiago acollerá a cuarta edición do WOS Festival, con máis de 50 propostas culturais distintas en espazos emblemáticos de Compostela como a Fundación Granell, o Teatro Principal, a Praza de Abastos, o CGAC, a sala Númax ou a Cidade da Cultura, este evento pretende ofrecer unha visión ampla da cultura alternativa e de vangarda. Para Martiño Noriega, o festival "vaise consolidando como un importante promotor da riqueza cultural e o atractivo turístico de Santiago, e de feito a maioría dos asistentes ás súas actividades non son composteláns".

Xunto co alcalde, na presentación do WOS participaron a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Isabel Vázquez Reboredo. Todos eles salientaron a importancia de que as diferentes administracións cooperen en iniciativas culturais como o WOS, que conta ademais co patrocinio de Estrella Galicia.

Dende a produtora Work On Sunday, Iván Arias recoñeceu que o apoio institucional e privado é fundamental para que poida celebrarse o festival, que "aposta por unha liña alonxada do que é habitual nos eventos culturais do país para achegarse máis ás dinámicas europeas". Nese sentido, incidiu en que o WOS é "o festival das propostas máis arriscadas, das que a priori son menos vendibles, aínda que o público está entendendo e apoiando a filosofía do evento".