Impulso para declarar BIC á Ribeira Sacra

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, valora "moi positivamente" o inicio dos trámites por parte da Xunta de Galicia para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra. "Vén a referendar o labor que iniciamos na Deputación de Ourense cando tomamos a decisión de reactivar a candidatura para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade". O presidente do goberno provincial destaca que este novo importante paso "achéganos a ese obxectivo que nos marcamos para que un dos territorios máis fermosos e con máis riqueza natural, histórica e etnográfica sexa distinguido internacionalmente como se merece".

"O impulso dado desde Ourense para ir no camiño de acadar a meta de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra" é, segundo Manuel Baltar, "unha circunstancia decisiva neste proceso", como tamén o protagonismo do Mosteiro de San Pedro de Rocas, o punto máis visitado da Ribeira Sacra e onde se datan testemuñas históricas que se remontan ao século VI.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ven de anunciar o inicio dos trámites para declarar a Ribeira Sacra Ben de Interese Cultural, na categoría de paisaxe cultural. O expediente para a declaración como BIC comezará en decembro deste ano, co obxectivo de que despois da exposición pública e o período de alegacións, se poida aprobar definitivamente a finais do ano que vén.

Os valores que reúne a Ribeira Sacra para ser BIC son: valores naturais, debido á combinación de factores climáticos, xeomorfolóxicos, acuáticos e biolóxicos da zona; valores culturais, debido aos elementos relixiosos, seculares e etnolóxicos, ademais da rica toponimia local; e valores mixtos, que resultan da interacción do ser humano coa natureza.

O ámbito proposto como BIC engloba máis de 17.300 hectáreas, 306 quilómetros, 21 concellos, 86 parroquias e 171 núcleos de poboación. En concreto, os concellos son: A Peroxa, A Pobra de Trives, A Pobra de Brollón, A Teixeira, Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Esgos, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, O Saviñao, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, Taboada e Xunqueira de Espadanedo.

A Xunta inicia a declaración da Ribeira Sacra como BIC grazas á nova Lei de Patrimonio Cultural, que establece por primeira vez a categoría de paisaxe cultural: un lugar senlleiro configurado coa actuación conxunta da natureza e o ser humano durante séculos.

f_ depourense.es