E o IX Certame Musical Fran Pérez "Narf" vai para... Mounqup !

Os toques eletrónicos do proxecto MounQup, da cantante francesa Camille Hédouin, gañaron o IX Certame Musical Fran Pérez "Narf". A banda Igmig levou o segundo premio, Pardo o terceiro, Cintaadhesiva o cuarto e Samarúas o quinto premio.

A Sala Malatesta de Santiago de Compostela acolleu ao vivo os concertos dos cinco grupos finalistas, e ó xurado composto por MJ Pérez, Uxía, Aída Saco, Sergio Tannus e Ánxela Baltar -do grupo Bala, gañador da anterior edición- e presidido pola vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, que decidiu conceder o primeiro premio do IX Certame Musical Fran Pérez Narf ao proxecto MounQup da cantante francesa Camille Hédouin, domiciliada nunha aldea de Ourense dende 2011. 

Despois de proxectos musicais moi diversos de folk, jazz, metal, lírico, electrónico, MounQup xurdiu en 2012 como "unha necesidade na soidade do bosque". Coas influencias de The Knife, Animal Collective, Björk, ou CocoRosie, MounQup ofrece un universo musical onde as bases electrónicas mistúranse sutilmente con multitudes de voces, a veces anxélicas, a veces contundentes e potentes. O seu primeiro disco "Proba de Son" naceu co selo ourensán Molho.

O xurado insistiu na súa valoración na "altísima calidade" das cinco bandas finalistas o que mostra o elevado nivel das propostas que pasaron o primeiro filtro entre os numerosos proxectos presentados. "Son cinco propostas de grande calidade, moi diferentes e orixinais", sinalaron no fallo en que se escolle o proxecto de Moncoup como gañador do certame, IGMIG no segundo posto, Pardo no terceiro, Cinta Adhesiva no cuarto e Samarúas no quinto lugar. Os premios consisten en 3.000 € para o primeiro clasificado, 2.000 para o segundo, 1.500 para o terceiro e 1.000 para o cuarto e quinto.

En canto a Mouncup, a gañadora do Certame, o xurado destaca "a súa forza, o ben que comunica, o traballo que hai detrás da creación, e a súa condición de proxecto innovador cunha impactante posta en escena".