As escalinatas do Pazo de Mariñán en 3D

A Deputación da Coruña vén de sacar a licitación a contratación dun servizo de escaneado láser para realizar unha reprodución en tres dimensións das escalinatas do Pazo de Mariñán, situado en Bergondo.

Esta tecnoloxía permitirá crear imaxes dixitais de gran calidade, mediante unha nube de puntos, que posibilitarán visualizar cada compoñente da escalinata desde tódolos ángulos e posicións. Estas imaxes tridimensionais, ademais de preservar documentación gráfica do estado actual da escalinata, servirán para futuras labores de restauración, limpeza e arranxos puntuais, asegurando que non se perdan ou distorsionen os elementos artísticos e estruturais que a compoñen.

As escalinatas imperiais, que na súa maioría datan do século XVIII, son unha das pezas de maior singularidade e calidade artística do conxunto de Mariñán, e que distinguen ao edificio doutros pazos galegos.

Construídas enteiramente en pedra granítica, as escalinatas presentan gran cantidade de gravados, esculturas e elementos ornamentais singulares de gran valor artístico e histórico.

Na parte baixa, as escalinatas están flanqueadas polas estatuas de dous gardiáns, que dan a benvida ao visitante, e dous bancos de pedra que servirían para atar as cabalgaduras e facilitar a monta. Precisamente, os detalles labrados das vestimentas destes dous personaxes foron claves para determinar a época histórica na que foron realizadas.

Ao longo de todo o percorrido das escalinatas, atópanse 14 bustos labrados en pedra, todos eles diferentes entre si, que se sitúan sobre as pilastras que delimitan cada tramo das balaustradas. Algúns destes bustos son bifrontes ou incluso trifrontes, xa que presentan varias faces orientadas para para que sempre miren ás persoas que se acercan ás escalinatas desde o patio, o xardín ou o rellano entre os dous tramos de escaleiras.

A función ou o significado concreto dos bustos de Mariñán considérase unha das cuestións máis enigmáticas do conxunto. Algunhas estruturas parecen representar monxes, indios americanos, aztecas e persoas con vestimentas de diferentes épocas, pero non se sabe a ciencia certa a que personaxes representan. Unha calidade que fai aínda máis necesaria a documentación exacta das características de cada busto, facilitando así o seu estudo e que non se perdan os rasgos únicos das pezas.

f_dicoruna.es