Buscar/Hemeroteca

viernes, 15 de septiembre de 2017

A ruta termal e da auga da Eurocidade Chaves-Verín recibiu máis de 50.000 visitas este verán

A campaña estival 2017 de promoción da “Ruta Termal e da auga transfronteiriza Verín- Chaves-Vidago”, promovida e financiada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Eurocidade Chaves-Verín, rexistrou entre o 7 de xullo e o 30 de agosto máis de 50.000 visitas nos 6 mananciais que a conforman. (Cabreiroá, Fontenova, Sousas, Fonte do Sapo, Chaves e Vidago).

Os mananciais do “barrio norte” da Eurocidade (Verín) recibiron un total de 4.050 visitas, das cales 1650 corresponden a Cabreiroá, 1500 a Sousas e 900 a Fontenova. Cabe destacar que, do total de visitantes, un 67% corresponden a turistas galegos e do norte de Portugal. Pola súa banda, o “barrio sur” experimentou un considerable aumento no numero de termalistas alcanzando un total de 50.096 visitas de locais e foráneos, segundo os datos ofrecidos pola vogal do Conselho de Administração Gestão de Equipamentos do Município de Chaves, Fátima Caeiro.

Por outra banda, a promoción do ente transfronteirizo "Percorre as fontes e mananciais da Eurocidade Chaves-Verín, sela o pasaporte do agüista/termalista e convérteche en embaixador da Ruta Termal e da auga Verín-Chaves-Vidago" sorteará a finais de ano entre todos os “embaixadores das augas” unha estancia termal no destino Chaves-Verín. Con esta promoción, que aínda segue vixente ata o 30 de outubro, a AECT busca incentivar ao turista para que atravese a "raia" e percorra a ruta completa visitando os mananciais das tres vilas termais e selando o seu pasaporte.

O funcionamento do pasaporte é sinxelo. En calquera oficina de turismo da Eurocidade entregarase de maneira gratuíta o Pack do Agüista, cuxo elemento central é o Pasaporte, unha guía de viaxe no cal os turistas, que así o desexen, irán gravando os selos que certifican o paso polas distintas fontes e que permitirá, ao final do percorrido, recoller o Diploma de Embaixador das Augas de Chaves-Verín.

A Ruta Termal e da auga percorre, ao longo do río Támega, os seus múltiples mananciais. As augas de Cabreiroá, Sousas e Fontenova en Verín son unha referencia histórica e levan décadas envasándose para comercializarse en mercados cada vez máis amplos. Menos coñecido fóra do val de Monterrei, pero máis popular para os verineses, atópase a “Fonte do Sapo”. Pola súa banda, en Chaves atópase a “Fonte do Povo” que coas súas augas hipertermales alimenta unha tradición de turismo de saúde e benestar que se remonta aos tempos romanos. Finalmente, atopámonos coas fontes de Vidago, que conseguiron atraer á sociedade máis selecta da Europa de principios do século XX.

A Ruta Terma e da auga convida os turistas a deterse en cada unha das vilas que conforman a Eurocidade. Os conxuntos históricos de Verín e Chaves presentan un excelente estado de conservación e son perfectamente abarcables mediante percorridos peonís. Restaurantes, terrazas en prazas con encanto e coquetas tendas de produtos típicos enriquecen o percorrido e permiten moverse entre vestixios romanos ou a omnipresente arquitectura defensiva medieval. Máis ao sur, Vidago mantén vivo e resucita o espírito da idade de ouro dos balnearios.

No hay comentarios: