A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo Deputado delegado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez e ante alcaldes, alcaldesas e representantes dos concellos da provincia, presentou as conclusións da fase de concertación do Plan Estratéxico de Turismo da provincia de Pontevedra para os anos 2017-2020. Nesta primeira fase da súa elaboración, a institución provincial contou coa participación dos concellos e da industria turística a través de mesas de traballo temáticas, entrevistas e enquisas online.
Carmela Silva lembrou que "esta é a primeira vez que se formula un Plan Estratéxico do Turismo na provincia e tamén a primeira vez que se reúne a todos os concellos e ao sector privado". A Presidenta sinalou que "o turismo representa o 11% do PIB de Galicia e o 12% da ocupación laboral, polo que nos xogamos, con este plan consensuado e con recursos para poder desenvolver as liñas que se marquen, a actividade económica, o crecemento económico e a creación de emprego da nosa provincia".

Así mesmo, tras ser aprobado no mes de decembro, a Presidenta sinalou que "debémolo dar a coñecer á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado español porque hai moitos instrumentos, como feiras nacionais e internacionais, onde queremos ter presenza" para o que "as administracións débense pór do noso lado para podelo desenvolver, ao igual que os concellos da provincia, que deben ser axentes protagonistas do desenvolvemento do plan".