X Edición do Festival das Artes Escénicas de Riós

O Festival das Artes Escénicas celebrarase o vindeiro xoves 13 e venres 14 de agosto na Praza do Concello de Riós e no souto de Castiñeiros do lugar. O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, acolleu o acto oficial de presentación da X Edición do Festival das Artes Escénicas Abelardo Gabriel de Riós. O acto contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, Rubén Riós, Director do Festival, a concelleira Eva María Barrio López e Bruxo Queiman e Andrea Pousa, artistas homenaxeados coa Castaña de Cristal.

A primeira xornada do Festival (13 de agosto) será unha xornada marcada pola emotividade, a música, a tradición e a gastronomía. Precedida por actividades infantís para os máis pequenos (pintacaras, hinchables); a partir das 12:30 horas comezará A Ruta do Talento, trazando un percorrido ao longo de castiñeiros milenarios que nesta edición recibe un novo padriño, Gerardo Fernández “Geri (a título póstumo) veciño que lle puxo pedais ás árbores, será a personalidade elixida para o bautizo dos exemplares ancestrais da devandita especie. 

Deste xeito, a organización do festival recoñece a súa figura, segundo palabras do seu director “ Geri, era ese rapaz galego que viu no rural e no seu entorno unha diferenciación e non unha limitación reconvertendo a carpintería tradicional en obras de arte coas súas bicicletas de madeira”, o acto será conducido polos artistas Bruxo Queiman e Andrea Pousa homenaxeados co premio castaña de cristal e contará coas actuacións dos rapaces e rapazas participantes nas Xornadas Creativas dentro do proxecto RuraliZarte. Á noite, a partir das 22.00 horas os asistentes gozarán da man de Emilio Rúa, Aneu, da música e voz de dúas novas promesas, Xoel G. e Alba Diz, un monólogo titulado “15 anos” de Noelia Rodríguez participantes da edición de RuraliZarte´16.

A segunda xornada do Festival (14 de agosto) estará centrada no cinema. As 20:00h no Centro Cultural de Riós presentarase o trailer do documental “A memoria da raia” presentado por Iris Justo, Andrea Pérez e Miriam González, directoras do proxecto e o filme Castelao. De chumbo a verba coa asistencia do seu director Miguel López.

Á noite, a partir das 22.30 horas, na praza do concello de Riós, o humor chegará da man por parte de Fernando Fumaces e Rubén Riós e un espectáculo musical cas actuacións de Aída Blanco participante de Got Talent e do recoñecido programa Factor X de Lituania finalizando cun concerto a cargo de SES e Sonoro Maxín. O fin de festa estará amenizado polo Dj Fonsi