San Froilán con selo musical galego

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre, acaba de anunciar cinco novos concertos para o programa das festas deste San Froilán 2017. Trátase das actuacións de Capercaillie o día 6 de outubro, e Treixadura, o día 11, ambos na Praza Horta do Seminario; Guadi Galego, o día 6, e The Limboos, pendente de pechar a data, ambos na Praza de Santa María, e Wöyza, o día 6, na Praza da Soidade.
Treixadura

As novas actuacións reforzan o selo galego das festas, achegando ademais distintos estilos. O grupo Treixadura constitúese dende 1990 cun espectáculo musical sorprendente. A música tradicional observada desde dúas concepcións ben arraigadas como son o canto e a gaita. A cantante Guadi Galego, que foi gaiteira, pianista e vocalista no grupo Berrogüetto, cuxa carreira en solitario iniciouse co álbum Benzón, que se publicou no ano 2009. E Wöyza, nada en Moaña, traerá o mellor do hip hop á cidade de Lugo.

A banda musical Capercaillie, fundada por Donald Shaw e Karem Matheson é, sen dúbida, a representación máis recoñecida da música tradicional escocesa, que con modernas técnicas de produción, soubo mesturar letras tradicionais con instrumentación electrónica moderna.

A banda musical The Limboos levou o seu Rhythm & Blues Exótico por media Europa cun gran espectáculo. O seu primeiro disco, Space Mambo, pillou por sorpresa a todo o mundo e as súas cancións e directos engancharon a todo tipo de público, sumando adeptos máis aló do circuíto rock and roll.

Estes concertos súmanse aos da cantautora galega Sés e a cantante e música Rosa Cedrón, que amenizarán o Domingo das Mozas, que este ano coincide o 8 de outubro, e o propio día de San Froilán, respectivamente. A mítica formación madrileña Los Secretos, galardoada coa medalla de ouro ás Belas Artes, actuará na Praza Horta do Seminario o día 12. Ademais, John Nemeth, a mellor voz de soul blues do mundo e un virtusoso da armónica, ofrecerá un concerto o día 7 na Praza de Santa María.